A oposición resígnase diante da teima da Xunta para facer acuicultura en Touriñán

A oposición resígnase diante da teima da Xunta para facer acuicultura en Touriñán

23 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Como era de prever, o Partido Popular non aceptou o envite proposto na tarde de onte polos socialistas, que lle reclamaban a renuncia expresa á acuicultura en Touriñán para ofrecerlles o seu apoio na votación parlamentaria da modificación da Lei do Solo de Galicia. Xa que logo, a norma saíu adiante cos votos favorables do PPdeG, que conta con maioría absoluta na Cámara, a abstención do PsdeG, e o voto en contra do BNG. O conselleiro do Territori

O PsdeG agardaba un imposible. Sabíao o secretario xeral, Manuel Vázquez, cando onte demandaba da Xunta unha renuncia “explícita” ao proxecto da macropiscifactoría en Touriñán a cambio do voto favorable á modificación da Lei do Solo. Permanecerá agora o misterio de cando decidiron os socialistas dar marcha atrás na procura dun pacto polo territorio cos populares: nos mentideiros do Hórreo fálase de discrepancias no seo do partido entre os que defendían o modelo territorial do bipartito e os que procuraron o consenso co PPdeG como motivo da fenda, mais na versión oficial  socialista asegúrase que en San Caetano interpretaron de maneira perversa as garantías de protección sobre as explotacións acuícolas no litoral. Se alguén tiña dúbidas de que o propósito último da  Xunta foi sempre cederlle o Cabo Touriñán a Pescanova para que constrúa alí a maior piscifactoría de Galicia, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, despexounas hoxe. “Quíxose anular por motivos políticos un proxecto que conta con informes favorables”, defendeuse o representante do Goberno.

O BNG ratificou o seu “non” a unha modificación da Lei do Solo que, segundo denunciou a deputada Teresa Táboas, “carece de argumentación de motivos”. Postos a facer unha reforma “cómpre vencellar a protección do territorio ás actividades agrogandeiras”, demandou a nacionalista, quen pedíu unha vez máis a retirada do proxecto dos populares “para comezar de cero”. Táboas laiouse de que, cada vez que se toca, a lei “vai a peor” e de agora en diante permitirase o urbanismo “de barra libre”.

A socialista Mar Barcón, quen dirixiu a negociación na procura do pacto cos populares, tentou até o último intre conseguir unha declaración unívoca do partido na Xunta contra a explotación acuícola en Rede Natura, e acusou a Alberto Núñez Feijóo de ser quen centrou o debate sobre a modificación da lei no proxecto de Pescanova. Asumindo que non habería rectificación pola banda do PP, Barcón xustificou a abstención do seu grupo dicindo que “non nos podemos fiar de Feijóo”. A súa última oferta para o consenso consistíu en volver ao ordenamento anterior a cando o agora presidente autonómico chegara á Consellaría de Política Territorial.

“A absteción é un aval á lei”, resolveu o deputado popular Román Rodríguez, quen dixo lamentar “non ter chegado ao gran acordo pola postura titubeante dun partido no que falta liderazgo”. Rodríguez puxo de manifesto as contradicións na opinión do PsdeG, explicando que non se fiaban do texto que eles mesmos pactaran. Botarse atrás agora foi, para Rodríguez, “unha excusa de mal pagador”.

Institucional