As organizacións agrarias acusan á distribución multinacional de buscar o monopolio

As organizacións agrarias acusan á distribución multinacional de buscar o monopolio

07 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As organizacións labregas criticaron de maneira conxunta o ERE plantexado por Leche Pascual na súa planta de Outeiro de Rei e que podería deixar na rúa aos seus 155 traballadores. Unións Agrarias (U.U.A.A.), Xóvenes Agricultores (X.X.A.A.), Sindicato Labrego Galego (S.L.G.) e as cooperativas galegas integradas en AGACA, tamén trasladaron a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras desta firma láctea na vila chairega.

Estas institucións consideran que unha das principais causas do ERE de Pascual estaría nas “intencións da distribución multinacional, coa conivencia dos gobernos que refrendan as actuais políticas agrarias, para monopolizar todo o sector lácteo e fixar sobre el un modelo comercializador excluínte dos produtores”, aos que obrigaría “a vender a súa produción pola metade do seu custo, baixo estratexias como o envasado en marcas brancas propiedade destas mesmas multinacionais”.

 

As organizacións agrarias e as cooperativas insisten en “lamentar” que estas 155 persoas se vexan nesta situación, e lembran que “non van a ser a únicas”. Os sindicatos labregos e AGACA afirman que son preto de 100.000 empregos os que están vinculados “directa ou indirectamente coa produción gandeira” e 13.000 as explotacións galegas que teñen “moi comprometido” o seu futuro se “nun prazo inmediato non se adopta por parte das administracións un plan de choque que as faga viables, así coma o de industrias como Pascual e outras do sector”.

Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego Galego e AGACA, tamén fan un chamamento a toda a cidadanía a que se sume ás concentracións que terán lugar mañá, 8 de maio, nas comarcas leiteiras de Galiza para defender a gandaría galega. Na Terra Chá terá lugar na súa capital, Vilalba, cun parón de 2 horas, entre as 11.00 horas e as 13.00 horas, e unha concentración na Praza da Constitución.

O motivo desta acción é protestar contra “este ataque sen precedentes que pon en perigo a viabilidade económica do 50% dos concellos galegos que viven directamente do sector lácteo, abocando ao 80% do territorio de Galicia a converterse nun deserto económico e demográfico, co custe social e medioambiental que isto supón”.

Sociedade