As organizacións agrogandeiras piden o boicot para Lactalis, Leite Río e Leche Celta nunha mobilización hoxe en Vilalba

As organizacións agrogandeiras piden o boicot para Lactalis, Leite Río e Leche Celta nunha mobilización hoxe en Vilalba

08 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Uns 300 gandeiros chairegos bloquearon a entrada principal da Industria Láctea Lactalis en Vilalba como xeito de protestar pola actual situación de control dos prezos por parte de tres industrias en Galicia, a citada Lactalis, Leite Río e Leche Celta. Esta é a primeira das mobilizacións promovidas polas tres centrais sindicais galegas, o Sindicato Labrego Galego (SLG), Xóvenes Agricultores (XX.AA.) e Unións Agrarias (UU.AA.) nesta semana e que continuar&aacut

Os representantes agrogandeiros piden que se leve a cabo o cumprimento do acordo acadado en xullo de 2009, polo que se adoptaba a medida de pagar o prezo establecido nos contratos do leite, e que este veña determinado polo prezo de referencia do Estado Francés mais o custe dos servizos de transporte. Con esta mellora os prezos polo litro de leite subirían dos 26-28 céntimos actuais ata os 33-36 céntimos.

O propio Secretario Xeral de XX.AA, Juan Pérez Orozco, referiuse a esta problemática ao considerar que “é impresentable que en Francia se chegue a un acordo e que vaian a cobrar a 33 céntimos nun país excedentario e que aquí nos tomen o pelo pagándonos a 26-28 céntimos”.

Así, unha das demandas que se puxeron enriba da mesa durante a mobilización foi, segundo o responsable de XX.AA.,“un acordo igual que hai en Francia”, ademais dunha intervención do Tribunal da Competencia, que o “o que ten que facer é vixiar os acordos que fan entre as industrias que se poñen de acordo para que nós non poidamos cambiar de empresa e que os prezos sexan irreais neste momento”, dixo Orozco.

Boicot aos produtos de Celta, Río e Lactalis
Outra das medidas que se van impulsar como forma de presión para poder acadar mellores prezos polo leite, ademais de permitir tamén unha maior concienciación da cidadanía do problema polo que están a pasar as explotacións, é o boicot ás marcas das industrias Celta, Lactalis e Río. Así, acudirase a diversos centros de comerciais de Galicia para informar de qué marcas están asociadas ás industrias, os prezos que pagan polo litro de leite en orixe e as marxes de beneficio que sacan. As tres organizacións agrogandeiras pedirán, asimesmo, aos consumidores que boicoteen estas marcas.

“Esta vez non imos sacar tractores, senón que lle pediremos á cidadanía que boicotee a estas tres empresas e as súas marcas e produtos na súa cesta da compra. Esta é a mensaxe que lle ten que chegar á cidadanía, que están arruinando ás nosas explotacións porque non podemos vivir por debaixo deses prezos e que están a liderar a non subida do prezo do leite e porque ademais algunhas delas, como o caso de Lactalis si que asinan contratos en Francia por 33 céntimos o litro  pero se negan aquí en Galicia e seguir enriquecéndose pagando menos de 27 céntimos”, dixo Carmen Freire Cruces, do SLG.

A propia Freire puxo nome a estas marcas. “Identificaremos nos centros comerciais claramente as marcas destas 3 empresas e pedirémoslles a estes cidadáns que boicoteen as marcas Celta, Río, Lauki, Leyma, Cremosita, Solán e Societé porque destrúen o noso agro e a nosa sociedade”, informou Freire Cruces.

Petición ás administracións
Durante a xornada tamén se ollou cara as administracións e se pediu unha maior implicación para obrigar ás industrias a cumprir os acordos de xullo de 2009, así como unha lexislación favorable que impida as diferenzas entre as Comunidades autónomas ou outros mercados como é o caso do francés.

“Dirixímonos ás administracións entendendo e coñecendo a marxe de manobra que teñen cada unha delas. No caso da Xunta porque temos un diferencial importante con outras Comunidades Autónomas. Nos últimos meses está a haber evolucións nos prezos ao produtor, moi cativas, en casos como Cantabria ou Castela León,mentres aquí hai unha parálise total. Nese sentido demandamos ao Conselleiro de Medio Rural que faga un esforzo co resto de Comunidades non se produzan, porque o leite é o mesmo e chega aos mesmos mercados. O 2º paso é a nivel nacional onde países como Francia están dando pasos importantes e tomaron como seus as recomendacións nos grupos de alto nivel onde  dicía que este sector debía formalizar contratos a longo prazo e onde lle recomenda ao resto dos estados membros que si consideran que é necesario que sexa obrigatorio firmalos que así o fagan. Así, en Francia hai leis no Senado neste camiño e con sancións moi importantes para as industrias que teñan a tentación de incumprir esa norma. Isto é o que demandamos aquí, porque aquí a vía política parece que non é posible”, estableceu Javier Iglesias, Secretario de Vacún e Leite de UU.AA.

Neste sentido tamén se manifestou Carmen Freire, ao indicar que “queremos conseguir a implicación dos gobernos porque a día de hoxe parece que non existen ou so transmiten as súas opinións por medio de outros canais. Á Consellería e o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño pedímoslles a convocatoria da Mesa do Sector desde principios de agosto e non temos ningunha comunicación. Non hai pasos significativos”.

Sociedade