A orixe do apelido Barallobre

A orixe do apelido Barallobre
01 de Novembro, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Barallobre é un apelido estendido practicamente por todo o mundo. En Uruguai, Cuba, México e tamén por toda España. A orixe está en Barallobre (Fene) un lugar á beira da ría de Ferrol en Galicia.

Fotografia: Maite Martinez

A orixe do apelido Barallobre

Os apelidos empézanse a fixar en España no século XII porque era necesario diferenciar entre as persoas para asegurar a herdanza de terras e propiedades. Podían ser apelidos patronímicos (derivados dun nome propio, como López, fillo de Lopo) de oficios ou profesións, alcumes ou toponímicos. Estes últimos fan referencia ao lugar de orixe. No século XII Pedro Froilaz, conde de Traba, (1075-1128) concede a posesión dunha terra en Friol a Andrés, procedente de Barallobre (Fene). Alli construirá a súa casa forte e adoptará o nome de Andrés Barallobre. Un descendente seu, tamén denominado Andrés Barallobre, loitará contra os Reis Católicos co mariscal Pardo de Cela, quen é executado en Mondoñedo en 1483. O cabaleiro sufrirá persecución e escapa establecendose nun lugar denominado Golmar (Sobrado dos Monxes) onde constrúe un pazo que aínda está en pé hoxe en día. Á liñaxe dos Barallobre de Golmar pertencerá entre outros, o doutor Timoteo Sánchez Freire, pai da psiquiatría en Galicia, fundador do sanatorio de Conxo e catedrático da Universidade de Santiago.

Hai outra procedencia do apelido Barallobre. A finais do século XIX, dona Juana Marquez, señora do pazo de Barallobre (Fene) convértese en protectora do Hospicio da Coruña. Indica que a todos os nenos recolleitos no orfelinato se lles poña o apelido Barallobre en honra a esta parroquia. Así se fai durante varios anos.

Da orixe nobre e popular do apelido Barallobre, deuse conta na "Xuntanza dos Barallobre" que durante seis anos consecutivos se organizou nesta parroquia de Fene.

Na literatura

D.Jacinto Barallobre Elviña, personaxe da novela La saga/fuga de J:B. (1972) de Torrente Ballester, é dunha rancia familia de Castroforte de Baralla,  a propietaria do Corpo Santo que se venera na localidade. Para algo un antepasado seu, un Barallobre, arriscou a súa vida en alta mar -o único que se atreveu a iso entre centos de mariñeiros galegos da comitiva do Bispo de Tui- para rescatar unha barca perdida e iluminada de forma sobrenatural, co corpo morto dunha santa dentro.  A figura de Jacinto Barallobre é importantísima na novela segundo aseguraba o profesor Jose Antonio Ponte Far na "Xuntanza dos Barallobre" celebrada en xullo do 2007 en Barallobre (Fene A Coruña).

Cultura

Publica o teu comentario agora