Orquestra Galega de Liberación

16 músicos galegos compoñen a nova formación.
07 de Setembro, 2020 - 09:34 h. | Publicada por Radio Fene

Nace a Orquestra Galega de Liberación, formada por 16 músicos. A súa estrea será este sabado no Teatro Principal de Santiago.

Este Sábado 12 de Setembro ás 19:30 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, estrea absoluta da Orquestra Galega de Liberación, un ensemble de 16 músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación. Un elenco que non precisa presentación ao estar constituído por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz, das músicas de vangarda e da performance. 16 músicos cun percorrido vital e unha traxectoria internacional que en poucas ocasións atopamos agromando un proxecto tan contemporáneo e tan ancorado no noso hábitat musical de vangarda.

A orquestra está formada por: Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo e dirección) Max Gómez (batería) LAR Legido (batería) Javier Pereiro (trompeta) Olivier Cano (saxo alto) Xosé Miguélez (saxo tenor) Diego Alonso (saxo tenor) Rosolino Marinello (clarinete baixo) Rubén Fernández (voz) Faia Díaz (voz) Antonio Bravo (guitarra) Manuel Cebrián (guitarra) Elena Vázquez (violín) María José Pámpano (viola) Macarena Montesinos (violoncello) Saúl Puga (contrabaixo)

A Orquestra Galega de Liberación parte de material composto e arranxado para a ocasión, ao cal se lle suman as técnicas de improvisación dirixida, tales como o Soundpainting, unha linguaxe de signos aplicada á composición multidisciplinar en tempo real. É unha técnica creada nos anos setenta en Nova York, e que Xacobe Martínez Antelo aprendeu e perfeccionou directamente da man do seu creador Walter Thompson. As entradas en compostelacultura.gal e en plataforma.gal

Cultura

Publica o teu comentario agora