A Orquestra Olympus tachada de homófoba e racista

A Orquestra Olympus tachada de homófoba e racista

20 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Colega Galicia insta á fiscalia a actuar contra o cantante da orquestra Olympus polas súas manifestacións verquidas nun foro de Internet. O músico afirmou en resposta a unha persoa crítica coa súa formación que desexaba "darle una patada en la cona", o que o colectivo gai considera unha apoloxia da violencia de xénero.

“Se fosemos racistas non teríamos negros, cubanos e venezolanos na orquestra”, declarou un dos cantantes da orquestra Olympus ao fío dos ataques que están a sufrir desde colectivos de gais e lesbianas. Segundo o colectivo Panteras Rosas Galiza de activismo lgtb, a orquestra superou os límites do tolerable coas súas parodias da homosexualidade sobre os escenarios. Esixénlles á Olympus que elimine os valores discriminatorios que amosan nos seus espectáculos polas festas de Galicia.

Polémica

A polémica está servida. O Colectivo Pantera Rosa informou, no seu blog, que o espectáculo musical da afamada orquestra Olympus se nutre de bromas discriminatorias contra as mulleres, contra o colectivo homosexual e transexual e ultimamente tamén de carácter racista. A reacción dun dos compoñentes da orquestra, Peke, non se fixo agardar. Nas súas primeiras declaraciós tachou de subnormais ás persoas que están a prexudicar á imaxe da Olympus. 

Estas declaración levantaron máis bochas. O presidente de Colega Galicia, Rafael Moral, saiu ao paso desta controversia argumentando que o Xacobeo está a financiar esta orquestra incumprindo unha proposición non de lei que os populares levaran ao parlamento. Esta normativa obriga á cancelación de calquera contrato dos proveedores que teñan un trato denigrante ou sexista cara á muller. Solicitan unha rectificación e desculpa e á anulación de todos os contratos ou subvencións que perciba a orquestra Olympus.

Nin Colega nin Panteras descartan acudir á vía xudicial ante o que cualifican de espectáculo denigrante e ofensivo para o seu colectivo. Prendeuse a mecha e mesmo nas redes sociais aparecen plataformas de detractores da orquestra pero tamén mensaxes dos seus seguidores dándolles folgos.

Sociedade