Orzamentos do 2019 a debate

Orzamentos do 2019 a debate
03 de Xaneiro, 2019 - 01:56 h. | Publicada por Radio Fene

Auga a Magalofes e San Marcos. O Concello de Fene consignará nos orzamentos de 2019 a partida necesaria para adquirir os terreos onde se ubicará o necesario depósito para abastecer de auga a esta parróquia, a única do término municipal que carece de rede de abastecemento pública. Os ingresos e gastos da Corporación ascenden este ano a once millóns oitocentos mil euros. O documento económico someteráse a debate en pleno o vindeiro luns as seis da tarde.

O alcalde de Fene Gumersindo Galego asinando un convenio con Aspaneps

A concelleira de Facenda de Fene, Rocío Bértoa, avanzou que o goberno municipal que forman PP e Somos Fene levará a pleno o próximo luns os Orzamentos Municipais para o 2019. As contas, que foron dictaminadas pola comisión de área no día de onte, ascenden a 11,8 millóns de euros, o que supón un crecemento do 10,90% respecto ás anteriores, aprobadas o pasado mes de setembro, e ríxense por tres principios básicos: blindar as políticas sociais; priorizar os investimentos para transformar a cidade e mellorar a calidade de vida dos veciños, e garantir a solvencia económica do Concello.

Nesta liña, Rocío Bértoa explica que, pese a aprobar recentemente unha rebaixa de impostos e taxas municipais como o IBI, a rodaxe ou o lixo, os orzamentos contemplan un incremento na previsión de ingresos que vén derivado da actualización dos padróns fiscais e do impulso á área de recadación mediante a creación dun novo posto de técnico nesta área. Permitirá avanzar no cobro dos tributos en periodo voluntario –paralizado en parte dende o ano 2016, cunha parte importante de expedientes sen liquidar- e tamén en periodo executivo.

Así mesmo, a concelleira apuntou que as contas caracterízanse polo seu carácter eminentemente inversor. Así, o proxecto contempla investimentos por valor de 1.225.094,58 euros. Deles, 1.074.472,35 euros corresponden a obras xa proxectadas coma a do cemiterio municipal (que cofinanciarán Deputación e Concello), as obras do POS 2019 (ampliación da rede municipal de augas residuais en As Picas (Magalofes), por un importe de 58.844,16 euros; a reurbanización dos bloques III e IV de San Valentín, cun orzamento de 117.441,01 euros, e o acondicionamento do camiño das Chousas (Barallobre) por máis de 56.000 euros) e as do POS Complementario 2019 (dotación de servizos e reforzo do firme no camiño de A Lomba (Barallobre) por 104.833,13 euros; dotación de servizos e reforzo do firme nos camiños de Os Regueiros e Visura (Sillobre) por 148.550,89 euros, e a pavimentación do vial de Fene a Magalofes por Lubián por 112.399,11 euros. Tamén se prevé a compra dos terreos para materializar a construción dos depósitos de auga en Magalofes, que tamén darán servizo a San Marcos. Un proxecto de calado e vital xa que Magalofes é a única parroquia que carece de rede pública de abastecemento de augas. Outras actuacions recollidas son a posta en servizo do Punto Limpo que comparte co Concello de Cabanas ou a dotación da iluminación pública dende o campo de fútbol de Os Pinares ata o camiño de Mundín.

E, a maiores, a consignación necesaria para facer fronte a investimentos que se acorden durante o exercicio.

Outro dos pilares do proxecto de orzamentos é garantir o investimento social necesario, como eixo de desenvolvemento dunha sociedade máis solidaria e xusta, sendo conscientes das dificultades que moitos veciños e veciñas padecen. Así, prevese un incremento substancial da partida adicada a Axuda no Domicilio para facer fronte ó aumento das horas de atención ou fondos  específicos para políticas de igualdade.

Así mesmo, Rocío Bértoa explicou que, seguindo un criterio de prudencia, óptase por reflexar nas previsións iniciais do orzamento unicamente aquelas subvencións xa resoltas na data de confección das contas ou aquelas que se veñen percibindo periódicamente. De igual modo, contémplase unha operación de préstamo, polo importe do POS+ Complementario, de xeito que no caso de que finalmente a Deputación non achegue tódolos fondos previstos o Concello non se vexa obrigado a renunciar á realización destes investimentos. Non existindo endebedamento con entidades financeiras neste momento, esta opción era a máis garantista coa prohibición especialmente severa para as entidades localis, prohibición absoluta de incurrir en déficit como consecuencia da reforma do artículo 135 da Constitución.

Por último, a concelleira confía en sacar adiante os orzamentos para este exercicio e lembra que serían os segundos aprobados en apenas nove meses, despois de que o Concello se vise obrigado dispor dunhas contas prorrogadas durante os tres anos anteriores.

Institucional

Publica o teu comentario agora