Os cargos públicos de Galicia deben renovar o seu compromiso co idioma

Os cargos públicos de Galicia deben renovar o seu compromiso co idioma

18 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A lexislación vixente establece que os cargos públicos deben favorecer o uso do idioma do país no desempeño da súa responsabilidade. Mais algúns dos integrantes do novo Goberno autonómico non sempre cumpren con ese mandato, o que levou nesta xornada ao Parlamento de Galicia a facer unha renovación dos seus votos de compromiso coa lingua galega.

A Cámara galega instará á Xunta a que “en cumprimento da legalidade vixente poña en coñecemento dos seus cargos públicos e dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes, a necesidade de facer uso público, tanto oral como escrito da lingua galega”. Así se pode ler no texo da proposición non de lei presentada polo deputado do BNG, Bieito Lobeira, e que, de xeito unánime, apoiaron os tres grupos representados no Parlamento.

O defensor da iniciativa amosou a súa satisfacción polo consenso, pero non aforrou críticas para a actitude do Partido Popular, do que dixo que está a ser “belixerante” contra o galego dende a Xunta, esquecendo o uso do idioma de noso nas campañas publicitarias de “Galicia Calidade” e na sinalización do Xacobeo. Non aforrou sorna ao sinalar que os populares non dixeron que fose “unha imposición” falar o galego segundo establece o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Bieito Lobeira pediulles que “cumpran a lei” da maneira máis sinxela: “Falando”.

O deputado nacionalista criticou que os conselleiros de Sanidade, Pilar Farjas, e de Industria, Xavier Guerra, empreguen de cote o castelán nas súas comparecencias públicas, desatendo a súa responsabilidade como membros do Executivo galego. O mesmo comportamento tamén foi apreciado nalgunha ocasión en comparecencias do presidente Núñez Feijóo, así como dos titulares de Facenda, Marta Fernández Currás; Traballo, Beatriz Mato; e mesmo Cultura, Roberto Varela.

Institucional