Os centros de día queren traballar

Os centros de día queren traballar
01 de Xuño, 2020 - 09:52 h. | Publicada por Radio Fene

Os centros de día están sorprendidos coa orde da Xunta de Galicia de non poder reabrir ata o 1 de setembro. Nese caso está o centro "Afago" de Perlío que dirixe Rubén Fontenla.

ESCOITA O PODCAST:

A situación dos centros de día a causa da pandemia é desalentadora. Levan pechados desde o 13 de marzo e non poden abrir ata o 1 de setembro. A situación parecía favorable á apertura no mes de xuño, ata que o venres pasado levaron a sorpresa de que non poderán reanudar a súa actividade ata despois do verán. Nese caso está "Afago", o centro de día aberto hai so uns meses por Rubén Fontenla. Infórmanos que os centros de día privados veñen de reclamar á Xunta de Galicia que mude esa orde e podan adiantar a súa apertura. “Xa vai moito tempo que estamos pechados e, se non vai adiante esta reclamación, plantearémonos reforzar a rehabilitación e axuda a domicilio”, afirma Rubén. Durante o confinamento déronlle voltas á súa ocupación e activaron un servizo de chamada aos ancianos que estaban sós para acompañalos. Tamén reforzaron o servizo de axuda a domicilio pero, como aos concellos lles aumentaron o número de horas, a demanda foi baixa, explica Ribén Fontenla. Mantiveron un contacto cos seus usuarios para que se mantiveran en forma, axudándoos a facer exercicio e pouco máis.

Defende Rubén Fontenla que as persoas maiores sí teñen capacidade de adaptación a situación extraordinarias como esta do Covid19 pero as persoas que teñen problemas cognitivos ou demencia precisan de rutinas na súa vida diaria. “Romper coa asistencia diaria ao centro, aféctalles” indica Rubén. E engade que as persoas dependentes, maiores ou non, deben estar en mans de expertos. A familia dalles cariño e moito esforzó pero hai que buscar axuda e a atención de especialistas”. O Centro de día Afago, na avenida Marqués de Figueroa 39 en Perlío, Fene, abriu as portas o pasado 25 de novembro.

Sociedade

Publica o teu comentario agora