Os cogumelos das Pontes, por Santos

Os cogumelos das Pontes, por Santos

26 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes albergará o vindeiro luns, 1 de novembro, a XXI edición da Feira de Fungos e Cogomelos, unha cita xa tradicional do outono pontés e que este ano contará cun importante cartel de actividades. A feira conserva o espírito das súas primeiras edicións con actividades xa tradicionais coma o concurso de cestas ou a degustación gastronómica, pero hai máis.

O programa inaugurase na tarde do sábado, día 30, coa XIX Mostra Folclórica Vila de As Pontes que reunirá ás agrupacións Alende (As Pontes) e Minhotos (Lugo), no auditorio municipal Alovi.
Xa o luns, 1 de novembro, a programación abrirase ás 9.30 horas coa presentación das cestas que tomarán parte no certame de fungos. Ata ás 11.00 horas será posible que todos os que así o desexen participen neste concurso que terá como escenario o patio do colexio Santa María, lugar onde tamén se fará entrega dos premios deste certame, ás 12.30 horas.

Ás 10.30 horas abriranse as exposicións de productos ecolóxicos e de outono, nas rúas Alexandre Bóveda e Ramón Cabanillas e a mostra O mundo da Micoloxía, que recolle tódolos traballos presentados polos escolares a este concurso e que servirán para ilustrar o cartel anunciador da feira de 2011.
Tamén pola mañán será posible visitar os museos de Monte Caxado ou a Casa do Mel, ademáis da 2ª Xornada de Artesanía organizada polos Artesáns do Eume onde os visitantes poderán desfrutar en vivo do traballo da madeira ou do encaixe de bolillos, tanto na rúa Ramón Cabanillas coma no Mercado Vello.

Ás 12.00 horas realizaranse degustacións de mel e queixo do Eume, cortesía da Asociación Aga- Eume e Queserías del Eume, nas casetas da mesma feira Tamén, na Caseta do Comercio Xusto, será posible catar diferentes cafés e chocolates do mundo.
Pechan esta oferta gastronómica os productos do Eume da Caseta da Asociación Agroalimentaria do Eume, e a degustación popular que se desenvolverá entre ás 13.00 e as 15.00 horas, na carpa instalada no patio do colexio Santa María e na que tamén teremos música da man das agrupacións Os Trevillas, Alfaia, Os Feroces da Galgueira ou a Banda da Escola de Música Tradicional, que tamén interpretarán as súas pezas polas rúas do casco urbano.

Sociedade