Os Concellos poden contribuir ao fomento do emprego, segundo Guillerme Vázquez

Os Concellos poden contribuir ao fomento do emprego, segundo Guillerme Vázquez

03 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, puxo esta mañá ao concello de Boiro, gobernado polo BNG “como exemplo de que o BNG dende os concellos si toma medida para combater o paro e a crise, fronte a un goberno da Xunta que non fai nada”. Guillerme realizou esta mañá un reparto informativo no centro da vila boirense para animar á sociedade galega á manifestarse o día 13 en Santiago en defensa do emprego, dos sectores produtivos, d

Posteriormente, realizou unha visita ao “Centro de Formación-Escola de Hostalaría-Viveiro de Empresas”, unha iniciativa posta en marcha polo BNG dende o Goberno de Boiro e que foi merecente do premio “Ciudad de las Ciencias y la Innovación”, un galardón que foi entregado polos Príncipes de Asturias o pasado 13 de xaneiro en Madrid. Guillerme estivo acompañado en todo momento polo alcalde de Boiro, o nacionalista Xosé Deira; o Grupo Municipal do BNG de Boiro e a responsábel comarcal do BNG, Dores Torrado, entre outros.

En declaracións aos medios, o portavoz nacional do BNG recoñeceu que “hoxe estou en Boiro para dalgún xeito amosar o orgullo do BNG coa actividade dun goberno municipal que ten proxecto, que ten estratexia, que sabe o que hai que facer á fronte dun concello e que, como unha das vías de actuación práctica, toma iniciativas na dirección de fomentar a creación de emprego”.

Neste sentido, Guillerme salientou que “a diferencia de actuación entre un concello gobernado polo BNG, encabezado por Xosé Deira, que fai verdade o que dicimos de que tamén dende os concellos, aínda que sexa modestamente, podemos contribuír na liña de fomentar o emprego, e a actitude dun goberno galego que fronte ao problema do paro simplemente di que carece de competencias e que nada ten que facer”.

Camiño de 250.000 parados e paradas

A este respeito, advertiu da “grave situación na que nos atopamos: estamos xa na fronteira dos 250.000 parados e paradas en Galiza; os sectores produtivos galegos están sendo agredidos un detrás de outro sen que haxa ningunha defensa política por parte do Goberno do Núñez Feijóo, e  estamos nunha situación onde o aforro galego pode camiñar sen reacción algunha por parte da Xunta de Galiza cara a súa privatización”.

Ademais, subliñou que “teríamos que preguntarnos como será posíbel crear emprego neste país se todos e cada un dos sectores produtivos van camiño da súa desaparición e se non hai medios financeiros que apoien o noso tecido produtivo”.

Manifestación o día 13 para dicir que Galiza si ten dereito, ao aforro, ao emprego e a ser País.
Ante esta situación, Guillerme asegurou que “fronte á inactividade e a inacción do Goberno do PP na Xunta o BNG e outras organizacións non estamos dispostos a aceptar estas políticas que están poñendo en marcha o Goberno da Xunta e o Central e que nos están levando a onde nos están levando”.

Por iso, subliñou que “é o momento de petar na mesa, de reaccionar e dicir que a pesar do que pense o Goberno Central e o Goberno de Feijoo Galiza si ten dereito e por iso o domingo 13 convocamos unha manifestación á que convidamos a toda a sociedade galega para dicir alto e claro que temos dereito e vivir e traballar na nosa terra, para demandar un cambio radical nas políticas que se están a facer e que nos están levando a unha situación cada día peor”.

Sociedade