Os contos das contas da Xunta

Os contos das contas da Xunta

26 de Novembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O proxecto de presupostos de Galicia para 2014 salvou, cos votos da ampla maioría popular, as emendas á totalidade que pedían a devolución presentadas por cada un dos grupos da oposición, e agora comezan o período de modificación parlamentaria no que as contas incorporarán algunhas novidades, como unha emenda do grupo maioritario pola que se facilita aos concellos a rescindir "voluntariamente" os contratos de xesti&o

As contas para o próximo ano, que serán as segundas desta lexislatura, foron presentadas en sesión plenaria pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz, quen se reafirmou en que o proxecto permitirá a Galicia iniciar a recuperación económica e prevé tanto un incremento do produto interior bruto (do 0,8%) como unha redución da taxa de paro (ata o 21,7%). Muñoz prognosticou que Galicia seguirá a endebedarse menos que outros territorios e que terá un mellor comportamento do paro que a media estatal.

O voceiro do Grupo Parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, considerou que as contas que presentou a Xunta para o ano 2014 son "inxustas socialmente e ineficaces economicamente", e advertiu de que Galicia "necesita navegantes de altura que saiban o porto ao que imos e non se perdan" na galerna".  Criticou o incremento da débeda destinada "ao servizo" do pagamento dos intereses da situación económica xerada. Méndez Romeu, que manifestou que "só" cabe afirmar que "a maior parte dos mozos vivirán peor que os seus pais", advertiu os populares de que están a "deixar irrecoñecible o sistema público de benestar". Para o portavoz socialista, estas contas non permitirán saír da crise e poden empeorar a situación de Galicia.

O voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, augurou que os presupostos da Xunta para 2014 provocarán "efectos desvastadores sobre o nivel de benestar" dos cidadáns galegos, tanto dende o punto de vista material, como social e cultural. Beiras cualificou de "impresentables" as contas públicas para o ano próximo. Así, criticou que "en canto a irracionalidade" faise forte no poder "acontece o que Goya retrataba nunha das súas estampas: o sono da razón xera monstros". O representante de AGE sinalou que a "sistemática perda de poder adquisitivo", coa consecuente baixada do consumo e da demanda, leva a "un círculo vicioso depresivo" do que solo se pode saír con políticas contracíclicas por parte das administracións públicas. Afirmou tamén que os populares din patrañas cando aseguran que sobe o gasto social.

O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, advertiu de que os presupostos que presenta a Xunta de Galicia para 2014 son as contas da "esperanza cero" para os parados, as persoas en situación de pobreza e para "evitar a ruína económica da nación" galega, e censurou o "fanático dogmatismo neoliberal" no que, ao seu xuízo, os populares "persisten". Na defensa da súa emenda de devolución das contas galegas, o dirixente nacionalista insistiu en que o Goberno galego "persiste no dogmatismo neoliberal esperando resultados diferentes aplicando as mesmas políticas".  O parlamentario nacionalista, que criticou que son uns presupostos "antisociais", fixo un repaso polas principais cifras do paro e pobreza e avisou os populares de que, coas súas políticas, "perden todos e os únicos que gañan son os bancos". Os orzamentos da Xunta deixarán o país arruinado, agoirou Jorquera.

Por parte do PP, o portavoz Pedro Puy explicou que na situación actual o proxecto orzamentario da Xunta é o mellor posible e que  voto da forza maioritaria debía responder contra as críticas da oposición, que cualificou de falacias.

Sociedade