Os dados dos usuarios de Vodafone a Chile ou Perú

Os dados dos usuarios de Vodafone a Chile ou Perú

15 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O plantel da multinacional Bosch en Vigo mantivo hoxe unha folga para protestar contra o que cualifican como unha “deslocalización” do servizo cara Latinoamérica. Os 80 traballadores concentrados ante a sede da empresa afirmaron que a dirección pensa ofrecer o seu traballo a países como Chile ou Perú para abaratar custos, malia que, segundo denuncian, na oficina viguesa as condicións de traballo xa son precarias e as nóminas baixas.

Segundo os sindicatos, a AEPD (Axencia Estatal de Protección de Datos) dependente do Ministerio de Xustiza, autorizou a Vodafone a transferencia de datos a Perú, Colombia e Chile. Denuncian a pasividade da empresa diante desta situación, asi como os despedimentos que xa comezaron e a salientábel redución de xornada, que xa afecta a 90 persoas que só están a traballar catro horas diarias.

"A situación que temos actualmente é que en Bosch dependemos de Vodafone 891 persoas, e están botando persoal á rúa, xa van 52 persoas despedidas, asi como están reducindo a xornada inxustificadamente, con 90 persoas afectadas que só están a traballar catro horas diarias", informaba a presidenta do Comité de Empresa de Bosch, delegada da CIG, Laura Pérez Figueroa.

Laura Pérez relatou tamén que "a resposta da empresa é que non saben o que vai pasar con Vodafone e parece que nin lles interesa. O Goberno xa aceptou a transferencia de datos para América Latina, sen permiso das e dos usuarios, e nós quedaremos sen traballo grazas ao goberno español e a estas empresas que non se preocupan nin de nós nin dos postos de traballo que xera".

"Nós xa pensamos que os nosos salarios son baixos, que xa estamos explotados, e temos moita precariedade neste sector, e queren obter maior beneficio explotando en Latinoamérica", engade.

Transacción, atención e recepción de chamadas, gravación de datos, soporte técnico, provisión de altas e novos servizos e televenda, é dicir, todos os servizos que se ofrecen para Vodafone nesta empresa de telemárketing en Vigo pasarían a deslocalizarse e realizarse desde Perú,Colombia e Chile.

Denuncian que aproveitaron unha reunión do Comité o venres 12 de febreiro para despedir a 30 persoas da campaña Orange empresas.

O seguimento da folga foi cifrado nun 80%, e a valoración que realizaron foi de "moi positivo", e subliñou a presidenta do Comité de empresa que foi unha folga "que pediron as traballadoras e traballadores e que nós apoiamos con todas as da lei".

Anuncian que "se non se soluciona, continuaremos adiante coas folgas", e informaron de que hai convocada unha xuntanza coa Consellaria de Traballo para o mércores 17 de febreiro ás 11 da mañá, para reclamar a súa mediación na defensa destes postos de traballo.

Sociedade