Os detalles sen amor en “En la cuenca de tus ojos”

Os detalles sen amor en “En la cuenca de tus ojos”

08 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A compañía Entremáns presentará este xoves ás 20.30 horas no Teatro Jofre de Ferrol o espectáculo de danza “En la cuenca de tus ojos”. Os bailaríns Armando Martén, Ana Beatriz Pérez, Kirenia Martínez, Alexis Fernández, Caterina Varela, Danay de la Vega e David Edreira interpretan este espectáculo que, segundo destaca a compañía, non deixa indiferente a ninguén

Estreado en abril de 2006 e con máis de 50 funcións realizadas en Galicia, localidades doutros puntos da xeografía española (Madrid, Barcelona, Xixón, Palencia ou Burgos) e de Europa (Suecia, Alemaña ou Bélxica), esta obra acadou o primeiro premio do Certame de Creación Coreográfico de Galicia en novembro de 2006 e o premio á bailarina sobresaínte no Certame de Galicia para Beatriz Pérez. Fala sobre os pecados do amor sen detalles, os detalles sen amor, arrepentirse de falar, de quedar sen tempo, de gardarse dun mesmo, de dar as costas demasiadas veces... 

Entremáns é unha compañía de pequeno formato cuxas pezas se realizan xeralmente desde unha dirección artística colectiva, o que fai que non se poida definir como unha compañía ao uso, cun director artístico permanente, senón máis ben como un colectivo de artistas que se reúnen para a creación dunha nova peza, asumindo conxuntamente a creación artística e en determinados casos nomea un director específico para unha nova creación. Entre os seus espectáculos, ademais do que se poderá ver este xoves no teatro ferrolán, destacan “Hasta que no te lo comas todo”, “Sí quiero”, “Dos sombreros y unos tragos” e “Ven”, este último de Alexis Fernández e Caterina Varela que acadou o Primeiro Premio, Premio da Crítica e Premio do Público no Certame Coreográfico de Madrid do ano 2008.

Cultura