Os ecoloxistas manteñen o apoio á manifestación do sabado

Os ecoloxistas manteñen o apoio á manifestación do sabado

25 de Febreiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Numerosas entidades ecoloxistas e naturalistas, encabezadas por ADEGA manteñen o seu apoio á convocatoria de manifestación o sabado 27 de febreiro en Compostela, na defensa do mar e contra a planificación acuícola que propugna o PP. A pesar da retirada da lei, manteñen dez razóns para a defensa das rías e pola derogación da prórroga de 60 anos a ENCE na Ría de Pontevedra.

As entidades ecoloxistas e naturalistas apoian a manifestación deste sábado 27 de febreiro en defensa do mar e contra a planificación acuícola que propugna a Consellaría do Mar do Partido Popular.

As 10 razóns polas que dende un punto de vista ecoloxista rexeitan esta planificación:

    Subxace una filosofía neo-liberal, pensada para privatizar o mar, sen nengún tipo de restricións.
    Está pensada para a gran industria acuícola -Stolt-Nielsen e Pescanova- e posiblemente negociada con eles.
    O marco normativo que deseñou o PP pretende que compitan os sectores tradicionais coas multinacionais en base a criterios estritamente económico-financeiros e tecnolóxicos e de aproveitamento máximo do recurso, sen considerar a capacidade de carga e o mantemento dos ecosistemas acuáticos.
    Declárase a actividade industrial acuícola de interese público polo que se poderá expropiar a franxa litoral que precisen as empresas.
    Elimínase a posíbel intervención dos concellos, mediante a declaración de supramunicipalidade dos macropolígonos acuícolas.
    Realízase de costas aos sectores produtivos, grupos ecoloxistas, científic@s,...
    Promove a intensivización “aproveitamento máximo do potencial marisqueiro” pola vía da transformación das zonas de marisqueo –actividade extractiva de baixo impacto- en parques acuícolas con técnicas de produción industrial.
    Elimina a obrigatoriedade da avaliación ambiental das instalacións.
    Permítese a ubicación de plantas acuícolas en espazos naturais protexidos: non hai zonas de exclusión.
    Provoca unha degradación ambiental do mar e dos ríos como consecuencia dos contaminantes (produtos químicos, farmacolóxicos e materia orgánica), do cruce coas especies silvestres, do posíbel escape de especies foráneas (invasoras, exóticas,...), etc.

Malia a ter anunciado a retirada do rascuño de Lei de Acuicultura, segundo os ecoloxistas, "nun claro intento de desmobilización, polo masivo rexeitamento das organizacións sectoriais, confrarías, mariscadoras e ecoloxistas, a idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas subxace nas actuacións políticas da consellaría do Mar".

Pero as demandas para as Rías non rematan coa retirada desta Lei; é preciso, afirman, recuperar a calidade das augas, o seu saneamento, que non se pode limitar á depuración dos vertidos domésticos e que debe contemplar a eliminación dos vertidos industriais que están a impedir a explotación racional dos recursos marisqueiros e pesqueiros; ao tempo, a revogación da recente prórroga de 60 anos a ENCE na Ría de Pontevedra, é unha esixencia irrenunciábel.

Por estas razóns e polas actuacións da Consellaría do Mar na tramitación desta norma, convocan á cidadanía galega á manifestación deste sábado 27 en Compostela e demandan a demisión da actual conselleira Sra. Quintana.

Asinan: ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CEMMA, Ecologistas en Acción, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa), Verdegaia.

Sociedade