Os ensaios da coral Alvedosa provocan polémica política

Os ensaios da coral Alvedosa provocan polémica política

28 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A edil do PP e directora do centro da terceira idade Francisca Canal asegura que o goberno local está detrás da polémica que mantén coa formación musical. A coral Alvedosa acusara a Canal de negarlle a entrada á sala de ensaio do Centro e no que levan 20 anos ensaiando. O asunto abordouse o pasado venres nunha comisión informativa extraordinaria.

A convocatoria por parte do concello dunha comisión informativa extraordinaria o pasado venres no que se abordou como único punto a petición da Asociación Coral Alvedosa en relación a un local de ensaio no Centro da terceira idade de Redondela sería, segundo a edil, a proba que demostra que o goberno municipal está a manipular á agrupación musical.

Segundo Canal  "con esta acción queda máis que patente que todo estaba manexado dende o Concello en convivencia co director da coral, Jesús Martínez Álvarez, pois estiveron manipulando todos os fíos e agora saíron á luz polo seu propio pé".

A voceira do PP acusa a PSOE e BNG de politizar o tema e meterse en "asuntos que non son da súa competencia". Critica ademais que agora se impliquen nesta cuestión cando "nunca fixeron nada polos maiores do municipio, xa que a residencia da terceira idade e centro de día programado para Cesantes segue sendo fume e non unha realidade, como debería selo cando o anunciaron no súa campaña electoral".

Engade que o concello nunca aportou nada para o benestar e ocio deste grupo de poboación, mentres que o Centro Socio-Comunitario alberga unhas 500 persoas ao mes que participan nas diferentes actividades organizadas pola dirección, mellorando día a día as súas instalacións co último fin de acadar a satisfacción máxima dos seus usuarios. Recoñece ademais que entre os socios dese centro atopanse á maioría dos integrantes da coral.

Con todo, Francisca Canal responsabiliza á propia coral de crear a polémica por rexeitar ensaiar noutro local mentres se realizan obras no centro.

Sociedade