Os enterros son inhumanos

Os enterros son inhumanos
27 de Abril, 2020 - 10:48 h. | Publicada por Radio Fene

"A avaricia rompe o saco" afirma Faustino Ramos, crego de Maniños (Fene) e de Caamouco (Ares) á hora de buscar culpables da pandemia. Falamos con el de misas e comuñóns suspendidas polo coronavirus.

ESCOITA O PODCAST:

A Igrexa tamén sae prexudicada desta crise sanitaria. Pecharon as igrexas e suspendéronse as misas, comuñóns e vodas… Achegámonos hoxe a unha parroquia, á de Maniños (Fene), para falar co seu crego, Faustino Ramos, confinado como os seus fregueses e resignado a esperar o chamado desescalonamento para sentirse útil, porque a primeira sensación que tivo cando se proclamou a alarma sanitaria foi a de que “non vales para nada” responde. Faustino Ramos atende desde hai anos a parroquia de Maniños en Fene e desde hai algún tempo tamén a de Caamouco, en Ares. As sete misas semanais de sábado e domingo entre as dúas parroquias, suspendéronse, así como os funerais. Pero o que ten a Faustino máis apenado son os enterros neste tempo de crise, porque despedir aos nosos defuntos é triste pero agora considera que é inhumano. “Que haxa tres ou catro persoas, e disfrazadas, é terrible”, sinala o crego de Maniños. A compensación virá despois cos funerais, tal e como anuncian as familias nas esquelas, algúns persoais e outros comunitarios.

Para contrarrestar tanta tristura, están as comuñóns. En Maniños celébranse normalmente pola Ascensión -21 de maio- noutros lugares, coincidindo co Corpus. “Cada vez hai menos nenos, en Caamouco xa non hai catequese pero en Maniños temos 25 ou 27. Aquí é unha alegría” declara Faustino Ramos. Farán a comuñón cando lle digan, “estamos ás ordes do goberno”, engade. Pola contra, vodas non hai previstas nen houbo que cancelar. Faustino recibe chamadas dos feligreses porque hai moita soidade e queren comentarlle os problemas. Cando lle preguntamos o porqué deste castigo da pandemia, por se fora divino, o crego de Maniños non ten dúbida de que a culpa é dos humanos que “nacemos co instinto de ser felices pero no camiño acompáñanos o egoísmo e a avaricia, que como sabemos rompe o saco”.

(Na imaxe, Don Faustino na Semana Santa de 2003)

Sociedade

Publica o teu comentario agora