Os escribáns do mar

Os escribáns do mar
17 de Outubro, 2019 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

O choco é un cefalópodo semellante á xiba pero máis pequeno. O latino Ovidio adicoulles versos e Aristóteles estuda o seu particular apareamento. Durante o Renacemento tíñanos por escribáns do mar porque tiñan tinta e pluma. Os chocos péscanse como hai centos de anos, con artes de arrastre ou con nasas.

Peixería Marina. Maniños. Fene

As cunchas que teñen os chocos no lombo usábanse para branquear os dentes. Devecían por elas os prateiros composteláns que as usaban para moldes de medallas.  Hoxe serven como aporte de calcio na dieta dos paxaros na gaiola. Das xibas pequenas, chamadas sepiolas e chocos en Galicia, fálanos Cornide, que os guisa nun prebe de noces. Di que nos portos da ría de Vigo se fan empanadas nas que se colocan sazonados na súa tinta, merecendo a estima entre as xentes de bo padal.

Eva Leis ofrécenos unha sinxela receita de chocos:

Nunha cazola de barro dourase en aceite unha cebola e un allo ben picados. Póñense enriba a facer uns dez minutos os choquiños limpos de area e sen pluma. Retirámolos do lume para botarlles pemento e un vaso de viño Caíño. Déixanse cocer outros vinte minutos a lume morno. Sérvense con arroz branco ou cachelos.

Seguro que che interesa
Sociedade

Publica o teu comentario agora