Os estudantes e os obreiros poñen os puntos sobre os ies

Os estudantes e os obreiros poñen os puntos sobre os ies
18 de Xaneiro, 2021 - 12:48 h. | Publicada por Radio Fene

A CGT chama a tódolos traballadores a unha concentración o mércores 20 ás 10:00 h. na porta principal de Navantia-Ferrol, para protestar polo que está pasando coas convocatorias de prazas de ingreso en Navantia, uns procesos inzados de deficiencias, escurantismo, favoritismos, falta de información..." O Sindicato de Estudantes apoia a concentración.

"O que está pasando coas convocatorias de prazas de ingreso en Navantia supera tódolos límites" afirman desde a CGT. Non só non se sabe nada das convocatorias previstas para o ano pasado, senón que tres das catro convocatorias de 2019 (operarios júnior, operarios sénior e universitarios sénior) aínda non remataron. A situación é esta:

Prazas operarios-empregados júnior:

* As persoas que xa pasaron o recoñecemento médico están á espera de ingresar na empresa.

* As persoas aprobadas no derradeiro exame están á espera de que lles fagan o recoñecemento médico.

* As persoas que están en lista provisoria están á espera de que se contesten as reclamacións e se publiquen as listas definitivas.

Prazas operarios-empregados sénior:

Tódolos inscritos están á espera de que se publiquen os temarios e as listas de admitidos e non admitidos.

Prazas universitarios sénior 1.958 inscricións (o 95,2% do total) non son admitidas pola empresa. Non se revisou nin unha soa delas. Non se publicaron listas de admitidos e non admitidos.

Prazas universitarios júnior.

Esta convocatoria,a única formalmente rematada, tampouco se librou da polémica porque Navantia excluíu a unha persoa por “exceso de madureza persoal e exceso de coñecemento profesional”. A afectada presentou unha demanda, que está pendente de xuízo e da correspondente sentenza.

Pero non se trata só de atrasos inxustificados e inxustificables. Os procesos están inzados de deficiencias, escurantismo, favoritismos, falta de información, arbitrariedades, contradicións, inxustizas, abusos...Navantia non é unha empresa máis, afirman. Ademais de ser a empresa máis grande da comarca, para moitos traballadores e estudantes representa a esperanza de non verse sometido á precariedade imperante nas compañías auxiliares e o resto da empresa privada. "Navantia está burlándose das esperanzas de milleiros de persoas que aspiran a conseguir un emprego digno. Navantia está maltratando ós aspirantes. Navantia está roubando salarios e cotizacións sociais a persoas que xa deberían estar contratadas hai moitos meses". "Estamos en 2021 e vai sendo hora de que a dirección de Navantia deixe de actuar como se a empresa fose o seu feudo e eles tivesen dereito de pernada".

Por iso, a CGT chamará a tódolos traballadores a unha concentración o mércores 20 ás 10.00h na porta principal de Navantia-Ferrol, para reivindicar:

* Contratación inmediata das persoas que xa superaron o recoñecemento médico.

* Realización inmediata dos recoñecementos pendentes e contratación inmediata de quen os supere.

* Non ás exclusións coa escusa do psicólogo. Continuación do proceso respectando as bases da convocatoria.

* Publicación inmediata dos temarios das prazas de operarios sénior.

* Revisión das inscricións non admitidas nas prazas universitarias sénior.

A CGT tamén invita a tódalas persoas que non traballan dentro da factoría, pero que comparten estas reivindicacións, a acudir a esta concentración,na que se deberán respectar as medidas de protección fronte á covid-19.

Apoio dos estudantes

O Sindicato de estudantes apoia a concentración contra as irregularidades nas prazas de Navantia e a favor duns procesos de ingreso obxectivos, transparentes e xustos. En 1995, o Sindicato de Estudantes tivo que convocar unha manifestación que rematou na porta principal de Navantia para conseguir que a empresa pública permitise que os estudantes de FP puidesen facer as prácticas nas súas instalacións, cousa á que ata ese momento se negaba. O único que impediu que o Sindicato de Estudantes convocase a finais do ano pasado unha nova manifestación con remate no mesmo sitio foi esta situación de pandemia. Por nada máis, porque "o que está a facer Navantia nas convocatorias das prazas de ingreso é, segundo manifestan,de xulgado de garda". O Sindicato de Estudantes alégrase de que o sindicato CGT (Confederación Xeral do Traballo) estea convocando unha concentración para o mércores 20 ás 10.00h diante da porta principal de Navantia-Ferrol, en protesta polas irregularidades que se están a producir e en demanda duns procesos de ingreso obxectivos, transparentes e xustos. "Todo o mundo sabe que Navantia e a función pública son as únicas posibilidades para que a xente nova atopemos un emprego digno en Ferrolterra; o resto das opcións significan a precariedade e a explotación laboral". Engaden que Navantia, malia ser unha empresa pública, actúa arbitrariamente e con desprezo polas persoas que se inscriben nas súas convocatorias: falta total de información, prazos dilatadísimos que non se poden xustificar coa pandemia, discriminacións, violación das bases...

Por todos estes motivos, o Sindicato de Estudantes apoia a concentración convocada pola CGT e chama a acudir á mesma.

Sociedade

Publica o teu comentario agora