Os fados de Mafalda Arnauth este sábado en Ferrol

Os fados de Mafalda Arnauth este sábado en Ferrol

04 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A cantante portuguesa de fados Mafalda Arnauth encherá de emoción o Teatro Jofre este sábado, día 7, a partir das oito e media da tarde. Un concerto onde o público de Ferrol poderá gozar cos últimos traballos da artista lusa, nos que combina as raíces musicais portuguesas con outros rexistros, así como tamén dos temas clásicos do seu repertorio.

Así o anunciaba esta mañá a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, quen destacou que se trata, sen dúbida, da principal cita da programación cultural de febreiro no escenario ferrolán. Desta maneira, a edil informou de que aquelas persoas que estean interesadas en asistir poden mercar xa as súas entradas, cuxos prezos serán de 6, 12 ou 15 euros en función da localización das butacas que se desexen reservar.

Para adquirir os pases deberán dirixirse á taquilla do Jofre, en horario de luns a venres 11 a 13 horas polas mañás e de 18 a 20 polas tardes (ata as 20.30 o día do evento), ou ben poden facelo a través da páxina web www.ferrol.es/jofre, para o cal só é preciso rexistrarse como usuario.

Xa polo miúdo, a responsable das políticas culturais do Concello destacou que esta extraordinaria artista, nacida en Lisboa en 1974, é unha apaixoada da música dende moi nova. Coa frescura característica da súa voz cautivou ao público: primeiro pola súa espontaneidade; logo, por facer presente a memoria portuguesa colectiva a través dun repertorio de éxitos antigos, e, finalmente, pola súa propia natureza, composicións e personalidade.

E é que Mafalda Arnauth inicia a súa carreira aos 24 anos, cun álbum que obtén o Premio Revelación do Semanario “Blitz”, e xa ao ano seguinte é nominada para os “Globos de Ouro” na categoría de mellor intérprete. Mentres, nos concertos que vai ofrecendo por todo o mundo, o seu espectáculo adquire definitivamente unha personalidade propia. A cantante revélase a través dos seus temas e xorde nela a necesidade de ampliar o seu repertorio para aportar así o seu gran de area á cultura do seu país. Deste xeito, entre os seus traballos cómpre salientar a publicación do disco “Esta voz que me atraviesa” en 2001, así como a súa xira por varias capitales europeas tamén nese ano. Incluso, Mafalda Arnauth se converte na primeira artista de orixe portuguesa representada internacionalmente pola compañía discográfica “Virgin Records”.

E xa en 2005, ve a luz “Diário”, o disco que presenta a unha Mafalda Arnauth realmente madura, que abandona o hermetismo do fado e se lanza a experimentar felices encontros con outros rexistros musicais, en obras de compositores estranxeiros, como é o caso de Tom Jobim, Vinicius de Moraes, Charles Aznavour ou Fran Lasuen, entre outros. Mais neste novo ano 2009, a cantante de fados acaba de presentar un novo álbum, “Flor de Fado”, que na liña de “Diário” busca novos rexistros musicais, novas formas de falar da vida, máis alá do fado, a través dun repertorio propio, direrente, rebosante de pracer, honestidade e bo gusto. En definitiva: o fado non deixa de estar presente. Aí están as súas formas, os seus parámetros. Pero aí se sinte tamén a unha Mafalda Arnauth máis decidida que nunca, a quen o dominio do fado lle outorga competencia para reencontrarse co xénero dende a súa propia perspectiva.

Cultura