Os hostaleiros agardan unha Semana Santa con aceptable ocupación, pero menores beneficios

Os hostaleiros agardan unha Semana Santa con aceptable ocupación, pero menores beneficios

06 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O turismo de proximidade substitúe ao de longa distancia e os viaxantes consumen menos no seu lugar de destino. Estas son as tendencias que aprecian os hostaleiros galegos de cara a unhas vacacións de Semana Santa nas que prevén unhas cifras de ocupación "aceptables" e menores beneficios.

“Optimista” en canto á ocupación hoteleira amosouse nos micrófonos de Radiofusión o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (Cehosga), Juan Silva. Explicou que de momento a cifra de reservas é baixa; pero, tendo en conta experiencias anteriores, confía en que a última hora se decidan moitos máis a viaxar en Semana Santa.

Na súa opinión, a crise non se nota tanto na ocupación, xa que o turismo de proximidade substitúe ao de longa distancia, pero si se aprecia no gasto medio dos turistas. No últimos períodos vacacionais descendeu nun 20% o consumo dos viaxantes e todo parece indicar que esa tendencia á baixa se manterá nestas datas festivas.

Outro dos problemas cos que se atopa o sector, segundo o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería, é o das grandes rebaixas nos prezos. Para non perder clientes, os establecementos están a apostar por importantes ofertas, algo que na opinión de Juan Silva resulta “preocupante” a medio prazo.

Sociedade