Os incendios devastan a provincia de Ourense e Portugal

Os incendios devastan a provincia de Ourense e Portugal

11 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Galicia atópase baixo alerta de incendios e sucédense os lumes. Entre os moitos que se están a producir na nosa comunidade destacan dous incendios no perímetro rural de Ourense iniciádos con só dez minutos de diferenza. Medios aéreos e terrestres traballaron ao longo de toda a mañá para controlar un incendio forestal iniciado este martes en Castro de Beiro, no extrarradio de Ourense. Ao mediodía quedou prácticamente extinguido

A Consellaría do Medio Rural confirmou que na extinción do incendio traballaron catro axentes, 26 brigadas, 10 motobombas, tres avións con carga e un hidroavión. O lume inciouse en Castro de Beiro arredor das catro da tarde de onte martes.

O incendio desatado na parroquia de Paradela  en Vilar de Astrés, na mesma zona norte e a apenas cinco quilómetros de distancia do de Castro de Beiro, quedou totalmente extinguido. Tras unha hora de actividade, o lume foi controlado. 

A provincia de Ourense rexistrou outro lume. O incendio forestal que se iniciou onte na parroquia de Montes, no concello ourensán de Cualedro, quedou extinguido. Segundo as primeiras estimacións provisionais, a superficie afectada por este lume é de 28 hectáreas (0,28 quilómetros cadrados).Nas tarefas de extinción deste incendio traballaron 1 técnico, 4 axentes forestais, 11 brigadas , 4 motobombas, 3 helicópteros e dous avións e dúas palas.

Ante este panorama medran as críticas contra a Xunta pola súa política contra os incendios, mentres os lumes aumentan a súa gravidade e xa arrasaron, desde o pasado domingo, máis de 250 hectáreas, unha superficie equivalente a 250 campos de fútbol.

A voceira do PSdeG, Mar Barcón, lamentou a desinformación do Executivo respecto aos lumes, que cualificou de irresponsabilidade. Ademais pediu ao Goberno galego, facendo un xogo de palabras, que “deixe de xogar con lume”. Barcón sinalou que todos están do lado do goberno galego na loita contra os incendios e a actitude é a de “arrimar o ombro”.

Malia a preocupante situación de Galicia, o país veciño, Portugal, está a sufrir moito máis a vaga de incendios. Con varios focos en activo, onte, só un deles, levaba queimadas xa perto de 4.000 hectáreas, na localidade de Manhouce. Os nosos veciños traballan arreo a estas horas xa que o lume de Castro de Beiro amenaza a zona da Baixa Limia e pode chegar ao parque natural do Xurés.

Responsables de Medio Rural informaron  esta mañá a Radiofusión que non farán declaracións ata que remate a temporada de maior risco de lumes. En setembro, tras o período de máis calor e vento, darán a coñecer o balanzo dos incendios deste verán 2010. En caso de incendio demándase a colaboración cidadá chamando ao número 112.

Sociedade