Os lobos de Moeche, unha volta á historia das Revoltas Irmandiñas

Os lobos de Moeche, unha volta á historia das Revoltas Irmandiñas

04 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A comezos do mes de abril chegará ás librarías o cómic de Manel Cráneo “Os lobos de Moeche”, publicado pola editorial Demo en colaboración coa Asociación Euroeume. O álbum, ambientado no último tercio do século XV, conta a historia dun labrego -Martín de Ferreira- que se ve envolto nas Revoltas Irmandiñas.

“Os lobos de Moeche” é a primeira aventura gráfica en solitario do debuxante Manel Cráneo. Trátase dunha historia de aventuras na que se mesturan personaxes históricos con outros de ficción, coma o protagonista, Martín de Ferreira, un labrego que vive no entorno do Castelo de Moeche e que, logo de participar nas Revoltas Irmandiñas, acaba converténdose “nunha especie de persoaxe do Renacemento”. De feito, conta as súas memorias dende a cidade italiana de Bolonia. 

Segundo Manel Cráneo, resulta moi interesante comprobar no álbum cómo eran as relacións dos personaxes históricos que aparecen reflectidos e cómo era a rede de conspiracións que existía entre os nobres para controlar o poder e a sociedade da época.

“Os lobos de Moeche” supón a presentación da editorial Demo, unha empresa de nova creación que aposta polo cómic en galego e pola recuperación do patrimonio histórico de Galicia. Para levar a adiante o proxecto foi precisa ademais a colaboración da asociación Euroeume que, unha vez publicado, empregará este cómic como material promocional para o Museo do Castelo de Moeche.

Segundo adiantou a Radiofusión Manel Cráneo, o cómic estará nas librarías galegas na primeira semana de abril. Ademais comercializarase a traves do clube de lectores Biblos.

Cultura