Os mellores alimentos para o almorzo

Os mellores alimentos para o almorzo

01 de Decembro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Tras o éxito da primeira actividade (o 28 de outubro, cunha clase de terceiro de primaria), o programa “Almorz@ con Beizos Brancos” organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa” repite mañá nas aulas do colexio compostelán Pío XII co obxectivo de difundir hábitos nutricionais saudables entre o resto do alumnado do curso: 50 estudantes.

A xornada comezará cunha charla educativa sobre os mellores alimentos para consumir á hora do almorzo. Nenos e nenas interveñen activamente nesta parte da actividade, propoñendo menús que a nutricionista avaliará en función da súa achega nutritiva. A continuación realízase un xogo didáctico para ilustrar o proceso que segue o leite dende a granxa ata que chega ao consumidor.
Para rematar, os escolares tomarán un completo almorzo con alimentos non procesados industrialmente.
Obra Social “la Caixa” e AGACA pretenden que o aprendido na escola se traslade á familia, de xeito que os estudantes recibirán material divulgativo para amosar na casa os valores nutricionais de distintos almorzos habituais e qué tomar como alternativa máis sa.

Sociedade