Os MIR reclaman elección presencial

Os MIR reclaman elección presencial
26 de Maio, 2020 - 11:30 h. | Publicada por Radio Fene

A xove fenesa, Ángela García, é unha das 12.000 persoas que agardan escoller praza do MIR. Como a maioría deles é crítica co sistema de elección telemático previsto polo Ministerio de Sanidad. Reclaman que a elección de praza sexa presencial e en tempo real.

ESCOITA O PODCAST:

Os graduados en Medicina que optan a unha praza de MIR (Médico Interno Residente) esixen ao Ministerio de Sanidade que ofreza unha alternativa de elección de prazas presencial ou en tempo real. Estes días leemos en diferentes medios esta reclamación, escoller presencialmente a praza que vai marcar o seu futuro profesional. Neste caso está unha xove fenesa, Ángela García. Ela é unha das 12.000 persoas que aspiran a unha das 7.615 prazas do MIR como a única maneira de acceder ao Sistema Público de Saúde.

Explícanos Ángela que antes desta crise sanitaria a elección sempre foi presencial, convocándose aos aspirantes en orde e por turnos de 300 aspirantes pola mañá e 300 pola tarde, cada día. Agora, coa disculpa da alarma, estableceuse a elección de forma telemática pola que os aspirantes deben elaborar unha lista das especialidades nas que están interesados e enviala. Esta non podería modificarse nas últimas doce horas antes de elexir. “O problema principal, explica Ángela, é que a elección non se fai en tempo real. Nas últimas doce horas non podes modificar o que queres, en relación ao que se vai acabando. Así que temos que facer listas eternas de mil especialidades, por medo a que se acaben e quedemos fora”. Ademais, afirma, poden quedar prazas libres durante os 4 ou 5 anos que dure a formación pero non se pode modificar nada. Tamén hai que ter en conta a conciliación familiar, apunta.

Indica a xove fenesa que ademáis, con este problema da alarma sanitaria, non tiveron oportunidade de visitar hospitais para ter criterios á hora de elexir praza na especialidade máis acaída para cada graduado ou graduada. Ela ten claro que quere especializarse na rama cirúrxica, a poder ser en Galicia ou, en todo caso, nun centro hospitalario do norte da península. A incertidume de onde acabará formándose é total diante do sistema imposto. Ángela García non está sola nesta reclamación. Hai unha grande sensibilidade con este problema, e milleiros de mozos e mozas enfrentados ao Ministerio para que recapacite e posibilite a elección de forma presencial. De momento non hai data concreta pero agardase para as primeiras semanas de xullo.

Ángela García chegou dunha viaxe, longamente desexada e programada por un grupo de graduadas en Medicina, co tempo xusto para confinarse. Así que pasou dous meses confinada e aburrida. Confesa que inmersa  nunha frustración moi grande, vendo o que pasaba no exterior e como o estaban afrontando os seus colegas nos hospitais. “Sentín medo e tristura” precisa. Cando lle preguntamos se cré que, despois desta experiencia extraordinaria aprenderíamos a darlle máis importancia á sanidade pública, responde “A xente ten boa conciencia da sanidade pública pero descoñece os problemas que hai dentro porque non lle chegan. Esperemos que isto que pasou sirva para algo”, conclúe.

Sociedade

Publica o teu comentario agora