Os 'Monólogos da Vaxina' regresan mañá ao Teatro Circo de Braga

Os 'Monólogos da Vaxina' regresan mañá ao Teatro Circo de Braga

25 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Guida Maria, São José Correia e Ana Brito e Cunha presentan esta creación de Eve Ensler mañá sábado, 26 de setembro, a partir das dez da noite. As entradas están xa esgotadas, polo que está garantida a afluencia dun público espectante por presenciar de novo esta obra, representada xa en máis de cen países de todo o mundo.

Escrita en 1966 por Eve Ensler, este traballo dramático, que xa foi presentado en 119 países e está traducido a 45 idiomas, baséase no feito de compartir historias contadas en feminino, nun rexisto que, á vez, conmove e divirte, revelando intimidades, vulnerabilidades, temores e vitorias propias das mulleres.

Baseada en entrevistas realizadas pola autora a máis de duas centenas de mulleres de todo o mundo, “Monólogos da Vaxina” foi protagonizada internacionalmente por actrices como Jane Fonda, Whoopi Goldberg, Susan Sarandon, Oprah Winfrey ou Meryl Streep.

Cun título provocador e irreverente, a peza, que se destina a un público cunha idade superior a 16 anos, comparte cos espectadores as diversas particularidades do universo feminino, incidindo en temáticas como o pracer, infidelidades conxugais ou terapias de grupo.

Nove anos despois da estrea de “Monólogos da Vaxina” en Portugal coa interpretación de Guida Maria, xúntanse ao elenco as actrices Ana Brito e Cunha e São José Correia, que se suceden na representación de personaxes que van desde a propia autora (Eve Ensler) até mulleres de varias culturas, nacionalidades ou idades.

Compostos por entrevistas textuais, cruzamentos de conversas ou polo resultado da imaxinación da autora, os monólogos tratan fundamentalmente a intimidade feminina, tema que, segundo as protagonistas de “Monólogos da Vaxina”, aínda constitúe un desafío para un discurso aberto e público.

Cultura