Os orzamentos do 2010 contarán coa oposición de socialistas e nacionalistas

Os orzamentos do 2010 contarán coa oposición de socialistas e nacionalistas

14 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2010 prosperarán grazas á maioría absoluta do PPdeG na Cámara, mais farano sen o beneplácito dos grupos da oposición. Así se deixou ver no Pleno do Parlamento celebrado nesta xornada e no que as diferenzas verbo do gasto social e as políticas de emprego entre populares, socialistas e nacionalistas centraron o debate.

O investimento produtivo e o gasto social medrarán de xeito notable por moito que a oposición sosteña o contrario, declarou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo perante os deputados reunidos no Hórreo. O titular da Xunta cifrou nun 2 por cento a mellora que recibirán as partidas consagradas ás políticas sociais.

Dende a bancada socialista, o secretario xeral do PsdeG, Manuel Vázquez, acusou ao Executivo galego de recurtar os dereitos das familias en materia de educación e sanidade xusto cando máis precisan axuda do Goberno. O cualificativo escollido por Vázquez para os axustes económicos de Feijóo é “despiadados”.

O desemprego foi o argumento do BNG para criticar a xestión do PPdeG dende a súa chegada a San Caetano. O voceiro dos nacionalistas no Parlamento, Carlos Aymerich, denunciou que en materia laboral o Goberno galego anda máis pendente de criticar as políticas de emprego do Executivo central socialista que de asumir as responsabilidades que lle competen para traballar no estímulo da actividade laboral dende a Xunta.

Os nacionalistas non teñen dereito a criticar, segundo Alberto Núñez Feijóo, porque son cómplices dos erros do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. O líder do PPdeG atacou ao Bloque polo apoio concedido ao PSOE nos últimos anos durante a votación dos Presupostos Xerais do Estado. Núñez Feijóo prognosticou que os deputados nacionalistas volverán votar si nesta ocasión ás contas estatais, accedendo á suba dos impostos.

Sociedade