Os orzamentos máis madrugadores

Todos os grupos da oposición votaron en contra dos orzamentos, que prosperaron finalmente cos nove votos de PP e Somos Fene.
08 de Xaneiro, 2019 - 09:22 h. | Publicada por Radio Fene

Fene manexará 11.800.000 euros, dos que o investimento se leva 1,225.000. A ampliación do cemiterio municipal, a compra de terreos para o depósito de auga en Magalofes, a iluminación pública dos Pinares e a posta en marcha do punto limpo, lévanse a maior parte.

ESCOITA O PODCAST:
Pleno da Corporación de Fene

Un único punto na orde o dia do pleno de Fene, a aprobación os orzamentos municipais de 2019 que defendeu a edil de Facenda, Rocío Bértoa. En xogo 11 millóns 800 mil euros. Conseguir o equilibrio financieiro este ano e un impulso á área de recadación, son os principais obxectivos económicos de Fene para o presente ano. Segundo a portavoz de Facenda, farase un gran esforzo en política social, incrementando o investimento en axuda no fogar e nas políticas de igualdade. Tamén destacou o interés pola formación laboral e o emprego. Anunciou que na oferta pública se creará unha praza técnica de Recadación para actualizar o cobro dos impostos. No capítulo de investimentos, se fose necesario, afirmou Bértoa, pediríase un préstamo para cubrir o POS complementario. O investimento acada 1,225.000 euros, dos que a maior parte (1.074.472) se corresponde cos novos nichos no cemiterio municipal, a compra dos terreos para a ubicación do depósito de auga en Magalofes, a iluminación pública dende o campo de Os Pinares a Mundín e unha partida para poñer en marcha o punto limpo.

 

O BNG destacou que o 19 de decembro tivo lugar a primeira e única reunión para falar dos orzamentos antes da convocatoria do pleno. Reprochou Juventino Trigo ao grupo de goberno a falta de interés pola participación da oposición na confección dos presupostos, o mesmo que a nula participación cidadá. En relación co texto, os nacionalistas criticaron a ausencia da taxa da depuración ou que boa parte do orzamento (600.000€) se vai en gasto corrente e servizos. A privatización dos servizos é outro dos aspectos que criticou o BNG neste Orzamento. "Nos investimentos reais increméntanse so 120.000 euros" en palabras de Juventino Trigo, quen engadiu que nas contas do 2019 desaparece o Plan de Emprego. Trigo afirmou que tampouco se contempla a compra dun camión do lixo e criticou que se aumentaran as subvencións ás entidades "para quedar ben". Citou Trigo exemplos de maior investimento nos orzamentos anteriores, en áreas como deportes, emerxencia social ou emprego.

 

O PSOE botou en falta tamén reunións para consensuar os orzamentos. Joaquín Ayala foi o encargado de defender a postura dos socialistas entorno ás contas do 2019. Afirmou que o incremento dun millón e euros en relación co orzamento anterior non se corresponde co investimento en áreas como a de Benestar social ou Educación. Demandou axudas aos universitarios feneses noutros campus e non unicamente o bonobús ao da Coruña e criticou a falta de apoio sustancial aos comedores escolares. Ayala bota en falta subvencións máis relevantes a entidades que quizás sexan máis necesarias que outras, citando a Cáritas, Aspaneps ou a Fundación Amigos de Galicia que manteñen a mesma axuda neste orzamento que nos anteriores. Tampouco ve o edil socialista unha clara aposta pola creación de emprego.

 

"O peixe está vendido" afirmou a edil de Esquerda Unida Mª Carmen Martínez para destacar a falta de diálogo coa oposición nin cos veciños á hora de consensuar os Orzamentos do 2019. . A edil bota en falta o Plan de emprego e, contra a opinión dos socialistas, criticou que se subvencione a entidades que calificou de "caritativas" por non concordar coa súa maneira de traballar. Tamén aclarou que non está dacordo coa rebaixa en emerxencia social.

 

A concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, rebatíu que sí se incrementa un 50% o investimento en axuda no fogar e que as axudas de emerxencia social incrementounas o PP xa no mandato de 2011 a 2015. Sobre o labor social de Cáritas, Bértoa espetoulle a Martínez que "é a única edil á que lle quita o sono". Sobre o bonobús afirmou a edil de Facenda que non é viable o transporte a outros campus máis lonxanos que o da Coruña. O goberno comprometeuse a negociar a tramitación do bono de alugueiro social no que queda de mandato e afirmou que ningunha familia quedará sen protección en caso de necesitala. A Juventino Trigo dirixiuse Bértoa para decirlle que o BNG nada aporta aos Orzamentos e reprochoulle que no ano 2015, cando gobernaban eles, tampouco contou o BNG coa participación cidadá .  Lembroulle que no 2016 "nin escoitou aos seus socios aos que acabou expulsando do goberno". Bertoa pediulle prudencia cando fala de privatización dos servizos porque dixo textualmente "o BNG privatizouno todo". En relación aos traballadores e á suba salarial, Bértoa asegurou que existe un fondo de continxencias para afrontala e un remanente de tesourería para adquirir un camión do lixo. Sobre as entidades veciñais, a responsable de Facenda defendeu o mantenemento das subvencións porque é necesaria, afirmou, a colaboración mútua.

Juventino Trigo respostou á intervención da edil de Facenda coa frase "en politica non todos somos iguais" explicando que "non todos estamos dispostos a ceder a chantaxes nin a comprar vontades doutros grupos, sexa Vox ou sexan outros". Trigo esgrimiu a legalidade da contratación de empresas por parte do goberno do BNG. E sobre a participación cidadá, afirmou o nacionalista que no 2016 se fixeron reunións coas entidades sociais para falar dos orzamentos. Como o debate se puxo candente por momentos, o socialista Joaquín Ayala pediu que non se falte ao respecto entre compañeiros e compañeiras do pleno. E deixou patente que as súas propostas deberían figurar por escrito no texto orzamentario. Como non é así, declarou que non podería apoiar as contas do 2019.

Todos os grupos da oposición (4 BNG, 3 PSOE, 1 EU) votaron en contra dos orzamentos, que prosperaron finalmente cos nove votos de PP e Somos Fene.

Institucional

Publica o teu comentario agora