Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba atenderon 20 emerxencias en maio

Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba atenderon 20 emerxencias en maio

17 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Os 66 profesionais destas instalacións actuaron en 11 Concellos da zona norte da provincia segundo o informe que recolle a súa actividade no primeiro mes de servizo. Das 20 intervencións, 10 foron extinción de incendios, 3 excarcelacións, 2 rescate de persoas mentres as restantes corresponden a actuacións de prevención.

Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba atenderon un total de 20 emerxencias acontecidas en 11 Concellos da zona norte da provincia durante o pasado mes. Son datos que reflicte o primeiro informe de actuación de ditas instalacións contraincendios logo de que o Consorcio Provincial de Bombeiros, integrado por Deputación de Lugo e Xunta, lograsen a súa posta en marcha o  1 de maio.

Os 66 profesionais recen contratados para traballar nestes complexos tras recibir formación especializada de 400 horas de duración interviron, concretamente, nos seguintes municipios: Barreiros (1), Foz (4), Burela (2), Mondoñedo (1), Alfoz (2), Riotorto (1), Vilalba (1), Abadín (2), Xermade (2), Viveiro (3) e Cervo (1).

Das 20 intervencións realizadas, 10 foron extincións de incendios en vivendas, locais, vehículos ou servizos municipais, 3 excarcelacións, 2 rescate de persoas, mentres as restantes corresponden a actividades de prevención tales como limpeza de estradas ou a actuacións debido a inundacións.  

O informe de actuación tamén reflexa que o tempo de resposta medio por emerxencia foi de 8 minutos, mentres os de intervención e ocupación foron de 3 horas. Ademais, os 12 vehículos adquiridos polo Consorcio (4 por instalación: mando todo terreo, mixto de rescate e extinción, urbano lixeiro e bomba nodriza) realizaron un total de 1.464 quilómetros.    

Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba prestan servizo as 24 horas dos 365 días ó ano, e dan cobertura ó 100% da zona norte da provincia. Atenden 25 Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade, e Xove.

Sociedade