Os PSdeG pide o voto en Guitiriz

Os PSdeG pide o voto en Guitiriz

25 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O PSdeG-PSOE comezou a súa andaina de mitins na Terra Chá no seu feudo de Guitiriz. O partido socialista, por boca da alcaldesa da vila, Regina Polín, e da parlamentaria vilabesa en Santiago, Sonia Verdes, animou aos veciños da poboación chairega a acudir ás furnas e non absterse nestes comicios.

Este foi o camiño escollido por Polín para comezar a súa alocución, xa que empezou facendo referencia á importancia que ten Europa para este concello lucense. “Aínda que vexamos moi lonxe o concepto de Europa, formamos parte del. Ata o de agora recibimos moitos beneficios das axudas achegadas de Europa. Hai proxectos moi importantes que se levaron a cabo en Guitiriz grazas a fondos europeos: GRUMIR, o grupo de intervención rápida, os obradoiros de emprego e a Ruta da auga” estableceu a edil guitiricense.

 

A alcaldesa socialista continuou incidindo na importancia destes comicios, xa que “estas eleccións son tan importantes como as outras”, polo que pediu que non se deixase pasar esta oportunidade”. Polín tamén comentou que “tivo que ser unha parlamentaria socialista” a que xestionara unha viaxe de 25 persoas do concello ao Parlamento Europeo. “Son ese detalles os que nos demostran sen dúbidas quen é o que nos pode levar a unha Europa sólida e forte”, dixo Regina Polín.

A deputada no Parlamento Galego, Sonia Verdes, criticou ao Partido Popular porque “non lle interesa defender os intereses dos galegos e galegas”, xa que o único “que está tratando é de gañarlle o pulso a Zapatero”. Para mostra, -dixo-, “o recén estreado goberno da Xunta, que abarata o despido, facilitando os ERE’s e pretende diminuír o gasto social”.

“Agora dan facilidades para os despedimentos, levan as empresas a presentar expedientes de regulación. Nas últimas semanas levantáronse 28, que afectan a 848 traballadores. ERE’s que na Terra Chá, debido ao seu forte tecido empresarial, terán graves consecuencias, o peche de empresas como PASCUAL, FINSA E INGEMARGA pasarán factura nesta comarca e Feijóo e o seu goberno non fan nada por evitalo, limítanse a pasarlle a pelota a Madrid”, afirmou a deputada.

Verdes subliñou que “temos que decidir, o vindeiro 7 de xuño, se queremos esas políticas ou unha Europa social, unha Europa da igualdade, do crecemento sostible, e da alianza de civilizacións; o si polo contrario queremos unha Europa caduca, de políticas neoliberais, de contaminación, de discriminación e de guerra preventiva”.

A socialista animou aos veciños e veciñas de Guitiriz a ir a votar, porque “Europa non é algo afastado. As decisións europeas afectan aos nosos intereses diarios. Senón fose pola forza progresista e por un socialista teríase incrementado a xornada laboral ás 65 horas semanais. Non podemos permitir que se dea nin un paso atrás. A dereita pretende deixar as políticas laborais nas mans das empresas”, destacou.

“A política agraria común decídese en Europa tamén, -lembrou Verdes-, os populares votaron en contra do chequeo médico da PAC, un plan que supoñía a aterrizaxe suave das explotacións lácteas e preparalas para o horizonte do 2015 da libre cota. Os parlamentarios europeos do PP de Aznar negociaron a libre cota namentres aquí permitían a especulación da cota, incitando ao endebedamento dos gandeiros e a facer esforzos inútiles”.

Sociedade