Os reclusos de Monterroso plasman nun libro as súas experiencias como peregrinos

Os reclusos de Monterroso plasman nun libro as súas experiencias como peregrinos

04 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O libro A Santiago desde mi senda recolle un conxunto de relatos curtos sobre o Camiño Francés escritos polos internos do Centro Penitenciario de Monterroso. No marco do programa educativo europeo Grundtvig, os reclusos percorreron ao longo do ano pasado esta alternativa da senda xacobea, dende Pedrafita do Cebreiro a Santiago de Compostela, e puxeron despois por escrito as súas experiencias e sensacións.

No percorrido da ruta xacobea organizado polo cárcere de Monterroso participaron unha media de 15 internos por etapa, aínda que non sempre foron os mesmos, pois algúns dos que empezaron saíron libres ou cambiaron de centro. Na publicación, que inclúe un relato do director do centro, estes peregrinos tan especiais plasman unha visión moi diferente do Camiño, incidindo na beleza da paisaxe, no ambiente que se vive e na sensación de liberdade que lles permitiu a experiencia, non só física, senón tamén de prexuízos sociais, pois fixeron a ruta como uns camiñantes máis.

A Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés custeou a edición da obra. Cunha inversión de 3.500 euros, publicáronse 700 exemplares de A Santiago desde mi senda. Cada un dos once concellos que forma parte da Mancomunidade quedarase con 20 e o resto, 480, repartiraos a prisión por albergues e distintas institucións.

Sociedade