Os Roteiros Ferrol en Feminino recuperarán a memoria de centos de mulleres que "fixeron cidade"

Os Roteiros Ferrol en Feminino recuperarán a memoria de centos de mulleres que "fixeron cidade"

13 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Coñecer a cidade con outra mirada, a das mulleres que foron partícipes da súa historia. Este é o obxectivo do proxecto de investigación “Ferrol en Feminino”  un ambicioso programa posto en marcha polo Concello de Ferrol coa finalidade de facer visible e pór en valor a contribución das mulleres que, aínda en ocasións esquecidas, fixeron cidade.

Anunciouno esta mañá a concelleira de Muller, María López, quen avanzou a posta en marcha dunha nova iniciativa ao abeiro deste programa que comenzou a xestarse en outubro de 2007: os roteiros turísticos Ferrol en Feminino. Deste xeito pasarase do papel á rúa (os dous percorridos do proxecto foron editados e se poden consultar na web do Concello: www.ferrol.es) e os cidadáns e cidadás poderán coñecer polo miúdo os itinerarios vitais onde viviron e desenvolveron as súas actividades estas mulleres que, por diferentes motivos, deixaron a súa pegada na historia da cidade.

O primeiro deles, o institucional, realizarase o vindeiro luns, ás 18.00 horas coa presencia do alcalde, Vicente Irisarri, e a edil María López. Comezará no peirao de Curuxeiras, na popular “Fonte da ranita”, contemplándose unha primeira parada no Peirao de Curuxeiras para render homenaxe ás cargadoras ou carboeiras, mulleres moi relevantes e loitadoras como “Mela a Carboeira”, xulgada e encarcerada por encabezar unha protesta. Outra das paradas seleccionadas é a antiga fonte de Churruca, onde se pon de manifesto o papel fundamental que xogaron as augadoras tanto no suministro como na extinción de incendios. Tamén neste punto destacarase o traballo das lavandeiras, fundamentais nunha cidade como Ferrol con moito traballo entre a marinería e os arsenais. Finalmente, a última das paradas elixidas está chea de nomes propios como o de Aurora Rodríguez, nai de Hildegard Rodríguez (anarquista coñecida polos seus estudos sobre a revolución sexual) e tia de Pepito Arriola (precoz pianista e compositor), entre outras.

A segunda das rutas iníciase na rúa Concepción Arenal e finaliza no barrio de Esteiro, rendendo unha homenaxe ás mulleres que viviron, traballaron e participaron na vida ferrolá, algunhas delas, merecedoras dun recoñecemento na historia universal e nos libros de texto, tal e como subliñou María López. Entre elas, as costureiras que levaban a súa máquina de coser sobre a cabeza, as que ían lavar ao “río” de Esteiro ou se dirixían ao peirao de San Fernando para coller a lancha que as levase de volta á casa logo dos seus quefaceres en Ferrol.

A edil María López avanzou que, ademais de poder percorrer estes roteiros a pé, as persoas interesadas en coñecelos na súa totalidade poden achegarse os xoves, ás 12.00 horas, á Casa da Muller. Alí celebraranse durante os meses de xullo e agosto unhas charlas sobre estes percorridos de “Ferrol en Feminino”. Así mesmo, está aberta ao público nestas instalacións municipais e en horario de 11.00 a 14.00 a exposición “Ferrol en Feminino”, que forma tamén parte deste proxecto no que aparecen reflexadas un total de 283 mulleres de diversos colectivos, todas elas sumamente importantes pola súa achega humana e social á Historia da cidade.

Sociedade