Os sindicatos en contra do peche de Leche Pascual en Outeiro de Rei

Os sindicatos en contra do peche de Leche Pascual en Outeiro de Rei

06 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Unanimidade entre o sector sindical labrego galego na valoración do anuncio de Pascual do peche da planta de Outeiro de Rei. Tanto o Sindicato Labrego Galego (SLG), como Xóvenes Agricultores (XXAA) ou Unións Agrarias (UUAA) amosáronse moi contrariados diante desta medida adoptada pola firma láctea e consideraron un problema grave a perda de postos de traballo a curto e medio prazo que vai ocasionar.

Xavier Santiso, coordinador de Sectores Gandeiros do SLG cualificou de “moi mala noticia” o anuncio do peche da Planta de Outeiro de Rei, pola “perda de vertebramento industrial e de postos de traballo que supón”. O sindicato agrario esgrimiu á política leiteira da UE como unha das causas e considerou o acaecido na vila chairega como “unha nova proba do fracaso da política leiteira da UE, que está a ser apoiada arestora polo Ministerio de Medio Rural e Mariño, que se caracteriza polo súa axuda ás grandes corporacións da distribución, ao tempo que destrúe explotacións e industrias”.

 

Santiso tamén culpou “ás políticas aplicadas polos gobernos galegos da pasada década” que consistiu en “priorizar a implantación en Galicia de industrias foráneas, en troques de apoiar claramente o tecido industrial que había naquel momento até convertelo en vangarda do sector industrial”. O responsable labrego salientou o “golpe durísimo” que o peche suporá para Outeiro de Rei, polos postos de traballo perdidos, e que non axuda a paliar “a situación de despoboamento en aumento e a perda de actividade económica que estamos a sufrir en todo o rural galego”.

Ademais, anunciou “unha reunión en réxime de autoconvocatoria de todas as institucións e axentes económicos e sociais implicados” para “adoptar unha postura común”. Santiso tamén dixo que xestionarán a “posibilidade de levar a cabo o unha entrevista con Tomás Pascual, responsable da empresa”.

Desde Xóvenes Agricultores, o seu Secretario Xeral Técnico, Juan Orozco, non se asombrou da medida emprendida por Pascual e fixou un número de gandeiros afectados polo peche: 332; e unha produción anual que se verá afectada: 140 millóns de litros.

“Hai un ano Pascual mercaba o seu leite a 500 gandeiros, pero pouco a pouco deixou de facelo. Hai algo máis dun mes deixou de recollerlle 25.000 litros á cooperativa Arzuana, 65.000 a “Tierra Llana” e 75.000 a “Melisanto”. Hai 15 días fixo a mesma operación con 50 gandeiros. En opinión de Xóvenes Agricultores, a pesar das declaracións de Pascual está claro que antes ou despois abandonarán a todos os gandeiros, e ademais xa con prezos á baixa”, declarou Orozco.

En Unións Agrarias tampouco foi unha sorpresa a posición de Leite Pascual porque “era algo previsto cando deixaron de recoller leite a moitos produtores e anunciáronlle a outros que o deixarían de facer a curto prazo. Nós xa avisamos de que despois dos produtores caería a industria”. Julio Guntín, responsable de UUAA na Terra Chá recela de que Leche Pascual vaia facer o mesmo nas súas plantas de Cataluña. “A Leche Pascual saelle rendible manter as fábricas en Cataluña para poder facer dumping co leite que ven de Francia e así aumentar os seus marxes de beneficio. Como lles custa mais traer o leite de Galicia, por iso pechan as nosas plantas”, estimou Guntín.

Ao membro de UUAA tampouco lle convencen as razóns da firma láctea, xa que “o consumo non escaseou tanto como para pechar”. Para Julio Guntín non é mais que “unha escusa” para reducir custes e “quedar ben ante a opinión pública”. O responsable agrario lamentou “profundamente” a perda dos postos de traballo directos e indirectos e os problemas que se ocasionarán aos produtores, e afirmou que “traballarán a reo” para que outras industrias poidan recoller o leite aos damnificados.

Sociedade