Os socialistas elexirán secretario xeral o 1 de xuño

Os socialistas elexirán secretario xeral o 1 de xuño

03 de Marzo, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O Comité Nacional do PSdeG - PSOE decidiu convocar unha consulta á militancia para o 1 de xuño sobre a persoa que debe ocupar a secretaría xeral do partido. Un congreso extraordinario, marcado para o 6 de xullo, respaldaría, segundo o marcado nos Estatutos socialistas, a decisión da militancia. Queda no ár, se a executiva federal socialista aceitará esta fórmula.

O Secretario Xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, someteu á aprobación do Comité Nacional do PSdeG-PSOE, máximo órgano entre congresos, un calendario consistente na celebración dun Comité Nacional o vindeiro 11 de maio, no que se sentarían as bases de participación no Congreso Extraordinario, que o PSdeG-PSOE delebraría o día 6 de xullo. Antes, tería lugar unha consulta á militancia sobre a persoa que debe liderar o partido desde a Secretaría Xeral.

Pachi Vázquez xustificou a súa proposta de folla de ruta para o PSdeG na necesidade de dar resposta á sociedade galega “que está a esperar unha reacción”. Pedíu un esforzo para, ao mesmo tempo, abordar a labor de oposición aos gobernos da dereita e construír unha alternativa de Goberno para devolver ao PSdeG pola senda “dun partido hexemónico de Goberno en Galicia”.

Referiuse aos “dramáticos” momentos que está a vivir a sociedade. O Goberno de Feijóo defínese en tres palabras, a xuízo de Vázquez: “paro, corrupción e engano do Goberno galego á sociedade”. “Galicia está no epicentro da corrupción” que asola a vida política galega e española. “A Gürtel nace en Galicia”, acusou o Secretario Xeral do PSdeG, “nace do PPdeG”. Mentres Rajoy non é capaz de nomear a Bárcenas, “Feijóo non é capaz de nomear a Pablo Crespo”, reprochoulle o dirixente socialista ao mandatario galego ao que esixíu que compareza no Parlamento para explicar a trama de presunta corrupción investigada en Santiago e cesar nunha actitude que alimenta a desconfianza da sociedade na política.

Respecto ao paro, Pachi Vázquez recordou os 400 desempregados que se suman diariamente á lista do paro en Galicia, “aínda que o PP sigua negándose a recoñecer que somos a comunidade onde máis medra o desemprego”, dixo Pachi Vázquez.

En referencia ao engano aos galegos e ás galegas do PPdeG e do Goberno Feijóo, o máximo responsable do PSdeG-PSOE recordou, “no día en quese tiñan que celebrar as eleccións”, o Plan Eólico, ao que un decreto de Rajoy “tumbou 14.000 empregos e pechou empresas como a de As Somozas”, un proxecto que Feijóo vendera como o que ía convertir a Galicia na primeira potencia eólica, “quedou en fume”.

No mesmo capítulo de enganos e incumprimentos do Xefe do Executivo galego incluiu Pachi Vázquez “o escarnio e a burla” aos veciños de Ferrol polo dique flotante, e ao naval en xeral polos floteis de PEMEX para os que, “agora non hai contratos, nin siquera avais para participar nos concursos”. Citou tamén o peche de Santa Bárbara, o desmantelamento do sistema financeiro e o intento de acabar cos concellos de menos de 20.000 habitantes en mans das deputacións, “que salvo honrosas excepcións son niños de corrupción clientelar”.

PROPOSTA DESDE O ENTENDEMENTO CON FERRAZ

A proposta de recabar a opinión a todos os militantes do PSdeG sobre as propostas para Secretario ou Secretaria Xeral, acelebrar o 1 de xuño “entra nos Estatutos de Galicia e nos federais”, afirmou Pachi Vázquez.

Engarza co modelo de transparencia e calidade democrática que propugna a propia dirección federal socialista. Trátase, segundo definiu o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, dun mecanismo que facilita a participación en urna, directa e secreta de toda a militancia sobre o liderazgo do partido. Un medio de resposta ao “clamor da militancia” de participar na contrución do modelo futuro do partido.

Pachi Vázquez manifestou absoluta convicción no proceso proposto ó Comité Nacional, un modelo de participación “que acabarán facendo todas as federacións” do Partido Socialista.

Sociedade