Os socialistas queren “liderar unha alternativa solvente ao PP”

Os socialistas queren “liderar unha alternativa solvente ao PP”

09 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Os cidadáns de Fene non merecen afrontar esta crise cun goberno de dereitas" afirmou o reelexido secretario local do PSdeG PSOE de Fene Antón Noceda. O dirixente socialista animou aos militantes "a traballar na rúa cos veciños e veciñas de Fene para facer do PSOE a forza política que aúne á esquerda fenesa".

Os socialistas de Fene reuniron este domingo á súa Asemblea coa fin de elixir á nova Executiva Municipal da agrupación. A única candidatura presentada, encabezada polo actual Secretario Xeral, Antón Lois Noceda Carballo, obtivo finalmente o apoio do 90% dos militantes, idéntico porcentaxe co que foi aprobada tamén a xestión da Executiva saínte.

Na súa intervención ante a Asemblea, Noceda animou aos militantes “a traballar na rúa, man a man cos veciños e veciñas de Fene para facer do PSOE a forza política que aúne á esquerda fenesa e que encabece unha alternativa solvente ao nefasto goberno do PP no Concello,” porque, tal e como asegurou, “os cidadáns de Fene, que votaron maioritariamente á esquerda nas eleccións de hai un ano, non merecen afrontar esta crise cun Goberno de dereitas, que aplica no noso concello as mesmas políticas que Feijoo ou Rajoy aplican na Xunta e no Goberno de España e que están emprobrecendo cada día máis aos traballadores e traballadoras do noso país, liquidando literalmente o seu futuro.”

A crise económica foi precisamente outro dos temas centrais da intervención do novo Secretario Xeral, afirmando que “esta grave situación ten nome e apelidos, a dos mercados e especuladores da dereita que queren aproveitar o caos económico para desmantelar o estado do benestar e liquidar os nosos dereitos.” “A nosa responsabilidade como socialiastas -continuou Noceda- consiste en lograr que os responsables da crise paguen polos seus actos e en ser capaces de ofrecerlle á cidadanía un modelo alternativo co que superar esta situación mantendo os dereitos sociais que tantos anos de loita nos custou conseguir.”

Xunto con Antón Noceda, repiten na nova dirección socialista fenesa Manuel Allegue (Presidente), Iván Puentes (Vicesecretario Xeral), Margarita Canido (Secretaria de Organización), José Antonio López (Secretario de Administración), José Rico (Secretario de Acción Sindical), Xaime Balsa (Secretario de Mobilización e Acción Electoral) e Amalia García e Concepción Pardo (Secretarias Executivas).

Ademais, incorpóranse novas caras á Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Fene, novas incorporacións que supoñen unha renovación de máis do 30% con respecto á dirección anterior. Así, xunto cos nomes xa apuntados, completan esta nova Executiva Emilio Balado Grueiro (Secretario de Política Institucional), Óscar Martínez Montero (Secretario de Comunicación e TIC´s), Matilde Castro (Secretaria Executiva) e Aida Loira (Secretaria Executiva).

Representantes noutros órganos

Os militantes socialistas elixiron tamén na asemblea desta mañá aos delegados/as da Agrupación Socialista Fenesa nos diferentes órganos de dirección do PSdeG-PSOE.

Así, no Comité Provincial da Coruña, ademais de Iván Puentes, que é membro nato do mesmo, ao ser elixido para formar parte deste órgano no recente Congreso Provincial, estarán presentes Antón Noceda, Cosme Varela, Amalia García e Concepción Prado.

Polo outra parte, Margarita Canido e Carlos Rey resultaron elixidos para representar aos socialistas de Fene no Comité Nacional Galego do PSdeG-PSOE.

Sociedade