Os tirapedras en Melide

Os tirapedras en Melide

15 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O peón máis pequeno do mundo, o tirapedras máis potente, a carrilana máis veloz. Todos eles daránse cita en Melide o vindeiro martes e mércores nunha Xornada dos xogos tradicionais que tomará as rúas e prazas centrais da vila. E a terceira edición dun evento que cada ano conta con máis expectación.

O martes, 18 de agosto, de 12.00 a 14.30 h. todas as prazas da vila  de Melide serán re-convertidas en espazos de xogo, recuperando a súa tradicional función como lugares onde desde sempre se xogou. Así, por exemplo, na Praza do Convento poderase correr coas carrilanas, na Praza das Coles poderase tirar á chave, na Praza do Pozo Pequeno poderase practicar o Tiro á lata (xogo este xenuíno da Terra de Melide), e así ata un total de 10 recunchos onde desde tempo inmemorial se xogou diariamente.
 
Na programación da Festa inclúese o III CAMPIONATO DE TIRAPEDRAS DA GALIZA CENTRAL, unha proba que se celebrará o mércores, 19 de agosto, a partir das 12.00 h. na Praza do Convento. Na edición de 2008 participaron un total de 61 tiradores e tiradoras (entre os cales se atopaban 15 nenos/as e 14 mulleres), pero na presente edición todo indica que o número de concursantes vai ser superior, dada a expectación creada.
 
Na Festa deste ano inclúese unha exhibición de lanzamento do PEÓN (buxaina, trompo) MÁIS PEQUENO DO MUNDO, de apenas 30 g., que se celebrará o 18 de agosto ás 12.30 h. na Praza das Coles.

Sociedade