Os traballadores de Pascual rexeitaron a oferta que a empresa presentou onte

Os traballadores de Pascual rexeitaron a oferta que a empresa presentou onte

05 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A proposta realizada onte por Leche Pascual ao Comité de Empresa foi rexeitada polos traballadores da planta de Outeiro de Rei ao non considerar suficiente a oferta de indemnización de 38 días por ano traballado para aqueles que se acollesen a unha baixa voluntaria da empresa. O paso seguinte sería levar a cabo un ERE parcial que afectaría a un número indeterminado de traballadores.

Outra das posibilidades que se puxeron enriba da mesa foi a redución do ERE en 46 persoas, pasando de 155 a 109 os afectados por esta medida. Esta opción tamén foi desbotada polos representantes dos operarios de Pascual, que se negan a aceptar estes despidos masivos.

 

Polo tanto, o camiño que parece tomar a situación é o plantexamento dun ERE parcial de catro meses, que incumbiría, segundo fontes sindicais, a uns 65 traballadores, xa que so pode afectar a menos da metade dos contratados nunha empresa. Esta última opción pode ser mais factible para Pascual, xa que, ao contrario que o ERE total, que estaría inxustificado, tal e como deixou manifesto o informe negativo da Consellería de Traballo, o parcial si tería visos de saír adiante. O desvío de parte da produción, tal e como establecen as mesmas fontes sindicais, cara outras plantas, xustificaría un descenso da actividade na fábrica chairega, o que si lle daría a legalidade suficiente para poder reducir na práctica o persoal.

Así, o panorama parece tomar un cariz desalentador, pois a firma leiteira non garantiza nin a permanencia da planta, nin unhas indemnizacións xustas para os traballadores, nin un número concreto de afectados, que sube e baixa segundo pasan os días.

Desde as organizacións sindicais se esgrime a posibilidade de que a empresa estea tentando desmantelar a fábrica para colocala no mercado e poder vendela. Dentro destas intencións estarían os rumores que a situarían no horizonte dunha empresa láctea vasca ou mesmo en Nova Rumasa, o holding empresarial de José María Ruíz Mateos.

Sociedade