Os votos do PP vilalbés rexeitan as alternativas da oposición para solucionar os vertidos no río Magdalena

Os votos do PP vilalbés rexeitan as alternativas da oposición para solucionar os vertidos no río Magdalena

14 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A dobre canalización e o pozo de tormentas que, segundo o PSdeG-PSOE e o BNG, poderían ser a solución para os vertidos de fecais no río Magdalena, deberá esperar. Os votos en contra do Partido Popular rexeitaron a moción socialista, apoiada polo BNG, para a construción destas dúas infraestruturas na capital chairega. Non faltou certa tensión no debate desta cuestión, xa que o PP tildou a moción de “demagóxica&r

Xosé Manuel Irimia pediu explicacións do por qué si “é unha depuradora para 15.000 persoas” e se construíu nunha “zona chuviosa como a nosa”, non funciona adecuadamente. A pregunta foi contestada polo alcalde, Gerardo Criado, indicando que o problema non é “que sexa para 15.000 persoas”, senón “a separación das augas fecais e pluviais” e de que, quizais, a depuradora estea un pouco “obsoleta”.

 

En canto á construción dun pozo de tormentas, Vicente García, primeiro Tenente de Alcalde de Vilalba, aduciu para a negativa do seu grupo que xa se fixo un proxecto que foi presentado á Xunta de Galicia no seu momento, e que contaba cun orzamento de 30.000 euros, pero que estaba parado, tal e como tamén estableceu Criado, que culpou ao Bipartito do seu freazo.

O concelleiro socialista Martín Seco tamén pediu que se levase a cabo a limpeza das marxes do río, que foi rexeitada porque que xa están solicitados os permisos necesarios por parte do Concello. A limpeza do cauce e o resto dos desbroces “non é unha cuestión que depende de Vilalba, senón da Confederación Hidrográfica”, tal e como indicou García como causa para non votar afirmativamente a moción. De igual maneira, tamén precisou que a Casa Consistorial colaboraba coa Asociación de Pescadores, á que deixaba “a maquinaria precisa para as súas tarefas de mantemento do Magdalena”.

Camiño Real de Portariz

Onde si houbo acordo foi sobre o problema coa propiedade pública ou privada dun paso dun Camiño Real en Portariz, na parroquia de Noche. Non foi sen problemas, xa que a moción do PSOE, na súa maioría, non estaba de acordo coas normas da Lei de Bases de Réxime Local, pola que tivo que ser reformulada.

Así, as demandas socialistas de que a Xunta de Goberno do Concello se reafirmase na Resolución de 22-06-04 declarando público o nomeado camiño, de proceder a librar o paso de dito camiño,  e a non concesión dunha licencia de peche da vía, non eran competencia do pleno, polo que se chegou á determinación de acordar a solicitude á Xunta de Goberno para que tomen as medidas oportunas para que se restableza a legalidade con carácter urxente; pois onde si se estaba de acordo era en que a titularidade era pública e non privada.

A polémica arrastrase dende o ano 2002 en que varios veciños presentaron unha demanda ante o Concello porque unha veciña obstaculizara o paso en dito camiño que, segundo as súas alegacións era público e que a obrigara a deixalo libre para o tránsito de persoas, animais ou maquinaria para pasar as súas fincas colindantes. A Comisión de Goberno resolveu o caso en Xuño de 2004 decidindo, previo informe do aparellador municipal baseado no estudo das características do camiño, nos datos catastrais e na costume do pais que o camiño en cuestión era público.

Expediente extraxudicial de crédito

Outro dos principais puntos na orde do día era a aprobación dun expediente extraxudicial de crédito de algo máis de 450.000 euros para “pagar as débedas pendentes”, que foi aprobada cos votos do PP ante as críticas da oposición. O PSOE definiu a iniciativa como “ilegal”, mentres o BNG acusou ao goberno municipal de gobernar de forma “caótica”.

Sociedade