Outeiro de Rei celebrará a IV edición da súa feira de artesanía o 3 de xullo

Outeiro de Rei celebrará a IV edición da súa feira de artesanía o 3 de xullo

24 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O vindeiro sábado 3 de xullo, preto de 70 artesáns tomarán as rúas de Outeiro de Rei para amosar os seus produtos na IV Feira de Artesanía que se leva a cabo no concello chairego. Ademais haberá 14 stands de alimentación e diversas actividades relacionadas con este sector galego. O horario de apertura da feira será de 12 a 22 horas.

O número de postos confirmados é de 68 de artesanía e 14 de alimentación, co que os visitantes poderán ollar e mercar produtos de olaría, cestería, artesanía da madeira, monicreques,gancho e calceta, xoiaría, coiro, instrumentos de música tradicional, ferrería, xabóns naturais, bixutería ou de confección de traxes rexionais . Paralelamente na sección de alimentación poranse á venda embutidos, marmelos, queixos, doces e viños e licores.

Demostracións de oficios tradicionais
Outro dos atractivos deste evento será as diferentes demostracións en vivo de oficios tradicionais que terá lugar no municipio lucense. No de olería, participarán as 4 olerías de tradición de Galicia, como son as de Buño, Niñodaguía, Sober e Bonxe, pero tamén haberá espazo para poder saber como traballa o ferreiro, unha cesteira, ou mesmo un artesán dedicado á fabricación de instrumentos de música tradicional.
Pero tamén hai espazo para que os cativos pasen un bo rato aprendendo cousas novas relacionados cos oficios tradicionais de Galicia. Así, están previstos varios obradoiros dirixidos a pequenos e rapaces no campo de Santa María e na rúa Manuel María.
Así nenos e tamén maiores aprenderán a realizar obxectos de barro, no taller situado nas inmediacións dos oleiros. Tamén haberá tempo para saber cómo é o oficio dos panadeiros, xa que a Panadería Ousá ensinará no seu posto aos pequenos a facer pan. Outro dos obradoiros será o de briconatureza que terá como actividades unha xincana de xogos dinámicos e un taller de xogos populares.

Exposición de pintura
Outro dos eventos ligados á IV Feira de Artesanía de Outeiro de Rei será a exposición de pintura do artista local Anxo Barreiro. Este artista nado na parroquia de Cela amosará parte da súa obra a carón da Casa Consistorial.

Actuacións musicais
Entre as diferentes actuacións musicais programadas haberá espazo para a Banda Municipal de Música, sobre as 12.45, diante do edificio do Concello. A agrupación folclórica de Baralla “Airiños do Neira” tomará a testemuña ás 13.30 e ás 18.00 noras no Campo de Santa Isabel. Xa a partires das 19.45 horas, o grupo de gaitas de Penas de Rodas tocará nas rúas do centro urbano, na rúa Manuel María e no Campo de Santa Isabel.

Degustación de carne ao caldeiro e filloas
Outra das citas, esta vez para paliar a fame, será a degustación de 1.500 racións de carne ao caldeiro e 4.500 filloas. Estas viandas estarán acompañadas de cachelos, medio chourizo, un bolo de pan e unha botella de auga. Cada prato terá un prezo de 6 euros. Este xantar farase en dúas quendas tanto polo día, unha ás 14.00 horas e outra ás 16.30; como pola noite, ás 20 e 22 horas.
Autobús turístico

Ás 17.30 horas nas proximidades da Casa Consistorial sairá un autobús turístico, que visitará diferentes puntos de interese do municipio, como o museo da radio localizado na casa de turismo rural río Ladra, o campo da feira e as Penas de Rodas en Gaioso, a igrexa de Francos e o salto do Piago na parroquia de Robra. As prazas están limitadas a un autocar e para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente na mesma na caseta do concello.
Outra dos elementos destacados será a resolución da terceira edición do concurso que premia aos postos máis vistosos da feira para premiar o esforzo dos expositores por conseguir que os seus postos resulten atractivos para visitantes e consumidores.
O remate da feira será contra as 00.30 horas cunha sesión de fogos de artificio.

Sociedade