Outro ano máis sen poder botar as patacas

Outro ano máis sen poder botar as patacas
13 de Febreiro, 2019 - 01:49 h. | Publicada por Radio Fene

O próximo 5 de marzo fanse os dous anos desde que se decretase a prohibición de plantar patacas por mor da couza guatemalteca. A día de hoxe aínda non houbo ningún pronunciamento oficial sobre o mantemento da medida, pero nos últimos días houbo varias informacións ao respecto, unha publicada polo portal Campo Galego e, outra, publicada polo Xornal da Mariña facéndose eco das declaracións do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, onde este asegura que a prohibición de plantar se prolongará durante "un tempo indefinido" ata que deixen de aparecer exemplares de tecia solanivora povolny nas trampas que hai colocadas polas zonas afectadas.

A couza veu de Guatemala. Fotografía The New York Times

Desde o Concello de San Sadurniño -como municipio en corentena onde non se pode botar pataca- vólvese pedir da Xunta algún tipo de pronunciamento oficial ao respecto. O titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, volveu insistir no dito o pasado decembro, cando reclamaba "información oficial sobre o estado da praga e as previsións en canto á posibilidade ou non de levantar a prohibición. Sabemos o que nos comenta o persoal técnico e o pouco que vai saíndo nos medios, pero penso que tería que haber algunha comunicación aos concellos afectados", comenta o concelleiro.

A este respecto, Varela sinala que "segue habendo incertidume na xente, que non sabe a que aterse. Parece que imos ter bo tempo e habería que empezar a preparar a terra para a semente. Por iso era ben que a Xunta dixese xa e con toda claridade se se vai manter a prohibición ou non despois do 5 de marzo en que se cumpre o prazo marcado inicialmente".

Porén, "independentemente da estratexia informativa que siga a consellería de Medio Rural con esta cuestión", Manolo Varela tamén lembra que "o decreto segue en vigor e todos temos a obriga de respectalo. Todos temos que asumir que non podemos plantar patacas mentres a Xunta non levante as restricións".

A corentena e as medidas de erradicación continúan activas neste momento en  Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón, As Pontes de García Rodríguez e Muxía na provincia da Coruña. Tampouco se pode plantar nos concellos lugueses do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova. Onde si se pode seguir plantando -aínda que baixo supervisión oficial- é nos municipios denominados como "tampón": Moeche, Cerdido, As Somozas, Ortigueira e Cariño onde, segundo parece, non houbo detección de avelaíña guatemalteca.

Disque a Xunta vai intensificar durante o mes de marzo os controis para detectar plantacións ilegais de pataca nos concellos en corentena. As sancións poden ser de ata 3.000 euros e desde que se iniciou a prohibición a Xunta impuxo alomenos 15 sancións por incumprila.

Institucional

Publica o teu comentario agora