Outro mundo é posible

O capitalismo defende o contrario para que nada se mova
21 de Outubro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Analisamos co profesor Noel Blanco a obra "Capitalismo realista" do pensador británico Mark Fisher.

ESCOITA O PODCAST:

Vaia por diante que o libro Capitalismo realista do pensador británico Mark Fisher (Reino Unido 1968- 2017) pódeo ler alguén sen formación económica. É un libro político que utiliza conceptos complexos que o autor converte en simples, explicanos o profesor Noel Blanco con quen comentamos esta obra que non intenta outra cousa mais que o lector ou lectora pensemos mais aló dos límites que nos impón o sistema neoliberal, que saiamos da súa espiral de pura propaganda. O libro non fala so de economía senón tamén de música, educación, saúde mental… Ven ser un texto moi breve, unha especie de manifesto que parte dunha premisa pola que o sistema neoliberal defende que outro mundo non é posible.

Fisher non proporciona unha alternativa detallada pero defende que outro mundo si é posible. O truco do sistema capitalista é dicirnos que calquera movemento que tenta desmontalo é xente sen sentidiño ou que son hippies (Movemento 15M por exemplo). Mark Fisher cae na conta de que a cultura popular sempre produciu imaxes do futuro. Soñabamos con coches voadores e con viaxar á lúa, pero fómonos acomodando na crenza de que o mundo no que vivimos é o único posible. O crítico británico relaciona isto co acontecido en 1989. A caída da URSS sírvelle ao bloque proamericano e capitalista para dicirnos: Vedes. Non hai outra alternativa!!!

Fisher aborda en Capitalismo realista os efectos nocivos do capitalismo. Entre eles está a paralización da produción cultural. “Todo é retro, todo é unha especie de regurxitación do pasado, un remake” explica Noel Blanco.

Cultura

Publica o teu comentario agora