Outro Verán máis alá

Desenvolverase do 1 ao 31 de xullo no CEIP Centieiras. Está dirixido ao alumnado escolarizado en Educación Infantil e Primaria
10 de Xuño, 2019 - 09:31 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene ofertará 240 prazas no programa municipal Verán máis alá. Dirixido a rapaces nados entre 2007 e 2015, celebrarase a primeira e segunda quincena do mes de xullo no CEIP Centieiras. O prazo de inscripción estará aberto o xoves 13 de xuño –de 8 a 19 horas- e o venres 14 de xuño –de 8 a 14 h-. O mércores 19 de xuño publicarase a listaxe dos/as participantes no programa.

O Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, reedita a súa aposta polo programa “Verán máis alá”. A edil de área, Rocío Bértoa, explica que se ofertarán 240 prazas (120 a primeira quincena de xullo e 120 a segunda) e o prazo de inscrición ábrese esta semana. A inscrición deberá formalizarse no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida Naturais, 44 entresollado dereita) e as prazas concederanse por rigorosa orde de inscrición. Os/as veciños/as de Fene deberán entregar a ficha de datos e o volante de empadroamento no Concello de Fene do/a neno/a no que se acredite que leva empadroado/a no municipio como mínimo dende o 2 de maio de 2017. O prazo estará aberto o xoves 13 de xuño –de 8 a 19 horas- e o venres 14 de xuño –de 8 a 14 h-. En caso de que queden prazas vacantes –extremo que se anunciará na web www.fene.gal- abrirase o programa a veciños/as doutros concellos, que poderán anotarse o luns 17 de xuño de 8 a 14,30 horas.

CAMPUS LINGUÍSTICO E CONCILIADOR

Trátase dun campus lingüístico para facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar, e desenvolverase do 1 ao 31 de xullo no CEIP Centieiras. Está dirixido ao alumnado escolarizado en Educación Infantil e Primaria nado entre os anos 2007 e 2015 –idades de referencia, mínima 3 anos cumpridos e escolarizado no curso 2018/2019 e máxima 12 anos cumpridos na data de comezo da actividade).

As actividades levaranse a cabo de 8 a 14,30 horas e principiarán co “Bo día” (de 8 a 10 h e para que os nenos e nenas poidan incorporarse a calquera hora nesta franxa horaria). A partir de entón arrancará “Máis Alá!” (con hora de saída entre as 14 e as 14,30 h). Será un espazo lúdico-educativo non regrado no que practicar e fomentar o galego como lingua de uso, promovendo contidos educativos transversais que respondan aos problemas sociais e que teñan presente a formación en valores: educación para a paz e a non violencia, a tolerancia e asolidariedade, a identidade e a diversidade, a igualdade social e de xénero, a educación para a saúde, o coidado medioambiental, o consumo sostible...

A temática central do Verán máis alá! versará sobre “Crónica de nós!”, a memoria histórica local como fío comunicativo entre as diferentes xeracións, recuperando para as máis novas diferentes aspectos do que foi a vida social do Concello. Para iso, realizarase un amplo abano de actividades artísticas utilizando diferentes materiais que maximicen o potencial creativo das pequenas e pequenos artistas; actividades formativas que apoien o currículo formal escolar, sen perder de vista o contexto lúdico e educativo no que se desenvolven: contafábulas, contos e xogos en inglés, ciencia divertida...; xogos cooperativos e populares, predeporte e deportes convencionais para favorecer a socialización, a cooperación a tolerancia e o xogo limpo; actividades acuáticas: xogos na auga nas instalacións da Piscina Municipal; excursións para coñecer o noso Concello e outros puntos da comarca, ou danza, música, teatro: Coreografías, bailes, ritmos e expresión corporal, elasticidade...

O mércores 19 de xuño publicarase a listaxe dos/as participantes no programa e, a partir de entón poderase facer o ingreso bancario e entregar no Departamento de Cultura e Deportes –antes das 14 horas do venres 21 de xuño- o certificado do ingreso e a documentación que consta nas bases. A cota para todo o mes do primeiro membro da unidade familiar é de 68,15 euros e, a partir do segundo membro, 36,70 euros. A cota por quincena do primeiro membro da unidade familiar é de 34,08 euros e, a partir do segundo membro, 18,35 euros. Así mesmo, o Concello contempla a redución de cotas en situación de escasa capacidade económica nun 50% e incluso acceder gratuítamente de cumprirse determinadas circunstancias.

Institucional

Publica o teu comentario agora