A pé e cos zapatos limpos

A pé e cos zapatos limpos
06 de Maio, 2020 - 02:04 h. | Publicada por Radio Fene

Mª Carmen Meizoso Carregado cóntanos as súas lembranzas en "Recordando o noso" con  Mª Xosé Paz e Jaime Lendoiro.

ESCOITA O PODCAST:

Seis quilómetros abaixo e seis arriba. En total 12 Km percorría cada día Mª Carmen Meizoso Carregado desde a Ribeira do Belelle ata Fene para asistir ás clases de costura de Dominga, moi cerca da actual Casa da Cultura. Saía despois de comer e fixo ese percorrido entre os 15 e os 18 anos. “Sempre chegaba cos zapatos limpos” confesou. Despois, na costura de Nita Rivera, xa volvía no autobús Capela que trasladaba aos obreiros de Astano. Son as andanzas desta muller que participa no Obradoiro “Recordando o noso” do programa de Tardes Activas da concellería de Benestar de Fene.

Con Jaime Lendoiro, monitor do obradoiro e a pedagoga Mª Xosé Paz, desenvolveuse o programa radiofónico desta semana. A convidada foi Mª Carmen Meizoso Carregado quen, seguindo co tema que centra este curso, os transportes, falounos das festas ás que tamén ían andando. As de máis lonxe, nas Neves e Pontedeume. Conta Mª Carmen que ían en zapatillas que escondían xunto á casa de Jeluca e que recollían ao remate da festa. A pé baixaba tamén desde a Riberia do Belelle coa filla no colo para levala ao médico. As mudanzas de casa facíanas en carros de vacas. Interesantes tamén as historias que conta Mª Carmen Meizoso sobre as leiteiras ou as enfermedades daqueles tempos e que podes ascoitar aquí. A semana que ven será unha veciña de Magalofes a convidada a “Recordando o noso”, que se emite os mércores ás 12h en Radio Fene.

(Na imaxe, recreación das lavandeiras de Sillobre).

Cultura

Publica o teu comentario agora