Pablo Carpintero, Gaita de Ouro do Ateneo Ferrolán

Pablo Carpintero, Gaita de Ouro do Ateneo Ferrolán

27 de Agosto, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Xunta directiva do Ateneo Ferrolán acordou conceder a Gaita de Ouro "Constantino Bellón" 2013 a Pablo Carpintero, polo labor desenvolvido como gaiteiro, investigador e artesán. A imposición da citada Mención honorífica terá lugar no acto que se celebrará  o próximo sábado día 31 de agosto, as 20 horas, no Teatro JOFRE de Ferrol no transcurso da Final do XXI Concurso Internacional de Composición e Gaita

Currículum do galardoado:

Pablo Carpintero naceu en San Cristobo de Castro, no concello de Carballedo, na provincia de Lugo en 1969. É gaiteiro desde os oito anos e estudou ciencias biolóxicas na Universidade de Santiago de Compostela onde, en 1992, acadou o grao de  doutor. Nesta mesma universidade obtivo o diploma de estudos avanzados en musicoloxía no ano 2006.

Hai máis de vinte anos que se dedica a estudar e difundir os nosos instrumentos musicais, para o que ten feito traballo de campo en toda Galicia, Asturias, Portugal e o Bierzo, estudando principalmente a gaita de fol e a súa música. Froito deste traballo é a súa obra de investigación máis destacada: “Os instrumentos musicais na tradición galega”, onde se dá conta de máis de 150 instrumentos musicais empregados na Galicia tradicional. Ten editado tamén numerosos traballos discográficos, ben cos seus grupos “Ultreia” e “A Requinta de Xián”, ben con gaiteiros de idade para consevar os seus orixinais sons.
 
Pablo Carpintero é membro directivo da Asociación de Gaiteiros Galegos e forma parte da comisión do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega. Traballou seis anos como técnico do proxecto Ronsel para a posta en valor do Patrimonio Cultural de Galicia e, en 2011, foi escollido para formar parte do comité da UNESCO que avalía as candidaturas á Lista Representativa de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, tarefa que segue a realizar na actualidade.

Hai máis de dez anos que colabora na sección “O Recuncho da Palleta” dentro do programa “Lume na Palleira” da Radio Galega, e desde hai tres anos realiza unha sección dentro do programa “Luar” dedicada á nosa música máis tradicional.

Na actualidade dedícase á fabricación de gaitas de fol, percusión, requintas e frautas no seu obradoiro de Santiago de Compostela, sendo a súa principal teima a réplica de gaitas de fol antigas e a recuperación dos seus sons. 

Sociedade