Pablo Iglesias e Pedrosa, os primeiros socialistas

Pablo Iglesias e Pedrosa, os primeiros socialistas

03 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O PSOE obtén 3 concelleiros nas eleccións municipais celebradas en maio de 1895. Os tres primeiros ediles socialistas pertencen ás localidades de Mataró, Bilbao e Ferrol. O tipógrafo ferrolán Pablo Iglesias fundou o PSOE en 1879. 16 anos despois, Francisco Fernández Garcia, o compañeiro Pedrosa, representará aos socialistas na Corporación local ferrolán.

Pedrosa é un dos lideres máis sobranceiros do socialismo ferrolán de finais do século XIX. A súa figura atopámola detrás de calquera iniciativa asociativa ou de protesta realizada na cidade nos primeiros tempos do PSOE e da UXT.

Francisco Fernández naceu en Ferrol en 1865. Ingresa como aprendiz mecánico no Arsenal no ramo de artillería. En 1883 entra a formar parte da masonería. En 1891 aparece como mestre de primeiro ensino, presidindo o comité da agrupación socialista de Ferrol, unha agrupación creada o 1 de febreiro de 1891. Entre 1890 e 1904 Pedrosa leva a cabo unha intensa obra organizativa, constituindo sociedades de resistencia e promovendo a súa afiliación á UXT. Tamén demanda dos poderes públicos melloras laborais como a xornada de 8 horas. Promoverá e dirixirá os periódicos socialistas ferroláns El Obrero e La Voz del Obrero.

Nas eleccións municipais de maio de 1895, Francisco Fernández sae elexido concelleiro en Ferrol pola candidatura socialista. O alcalde da cidade axiña definirá a Pedrosa como o xefe do socialismo. Pedrosa, brillante orador, acompañará a Pablo Iglesias, en todas as súas visitas a Galicia. A prensa da época nolo describe como unha figura temida polo Círculo Católico de Obreiros de Ferrol. 

Sociedade