Paco de Nieto: 26 anos man a man co mar e co bonito

Paco de Nieto: 26 anos man a man co mar e co bonito

30 de Xullo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Pouca xente hai na Mariña tan coñecedora do mundo do mar en xeral e da pesca do bonito en particular como o veterano patrón de pesca Francisco Fernández Rivas, coñecido por todos na súa vila natal de Burela como "Paco de Nieto". Vinte e seis foron os anos que este veterano patrón de pesca, agora retirado, dedicou a vivir a campaña boniteira da flota cantábrica, da que

"Paco de Nieto" destaca na entrevista concedida a Radiofusión a costeira do bonito como un factor decisivo para o recoñecemento de Burela como ún dos portos boniteiros principais do Cantábrico, só comparable co de Bermeo e algún outro da parte leste, e o máis importante de Galicia. Paco destaca que nos anos 60 e 70 do século XX moitas familias se achegaron das aldeas dos arredores, ata de cerca de Lugo, para integrarse na pesca do bonito porque era "unha fonte de ingresos moi importante", o cal seguiu sendo ata finais dos anos 80, cando unha serie de problemas debilitaron parcialmente as que coñecían como "as campañas ricas daqueles tempos".

O mariñeiro recorda os tempos da construción da planta de Alúmina, hoxe Alcoa, en San Cibrao, nas obras da cal se integraron para poder estar máis cerca da casa moitos dos ata entón mariñeiros das aproximadamente 143 embarcacións boniteiras que houbo en Burela, pero que posteriormente voltaron á campaña do bonito "porque a riqueza seguía estando no mar".

Fernández Rivas explica na entrevista o xeito artesanal de pescar o bonito: a cacea, método que depende de que o peixe morda o anzol para ser logo izado ó barco por medio dun arpón. Destaca que esencialmente este método variou pouco desde os anos 60 e 70, a diferencia principal é que hoxe en día utilízanse haladores hidráulicos para traballos que antes había que facer á man.

Facendo referencia ás redes de deriva que causaron a "Guerra do Bonito", Paco destaca que prexudican non só á pesca tradicional por ser competencia inxusta senón tamén ó ecosistema por non facerse distincións nas capturas entre especies que son válidas para a súa pesca e consumo e as que non o son.

Aínda na actualidade, Paco recomenda á xente nova que volve ao mar como medio de traballo: é un mundo duro, mais o que se gaña nel son cartos libres e é unha boa fonte de ingresos.

Francisco Fernández Rivas valora moi positivamente a existencia da Feira do Bonito, para a vila e para os pescadores, porque da a coñecer o produto fóra dos nosos límites máis próximos e porque "ir por aí abaixo e ver que hai un produto do teu pobo, a verdade é que alegra a un".

Sociedade