Paco Iglesias (Catpeople): “Aínda que non sexamos profetas na nosa terra, é un luxo volver a Galicia”

Paco Iglesias (Catpeople): “Aínda que non sexamos profetas na nosa terra, é un luxo volver a Galicia”

10 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A banda viguesa afincada en Barcelona, Catpeople, aterran esta semana en Galicia para presentarnos o seu segundo traballo de estudo What´s the time Mr. Wolf?. O xoves poderemos velos na Sala Capitol de Santiago acompañados de Holywater. Ao día seguinte, o venres 13, actuarán na Sala Karma de Pontevedra e ofrecerán aos asistentes un concerto especial en formato electro

What´s the time Mr. Wolf? supón para o grupo todo un avance na procura do “son Catpeople”, segundo asegurou en Radiofusión o batería da banda, Paco Iglesias. Trátase dun álbum moi meditado producido por eles mesmos coa axuda de The Blind Joes. O son está moito máis depurado que no anterior Reel #1 (2006, PuPilo Records) e nótase unha mellora na calidade da produción e nos arranxos instrumentais.

Un disco co que Catpeople busca atopar tamén un oco na escena internacional grazas ao seu cambio de discográfica, a multinacional Pias. De entrada, comezaron a promoción en directo nunha xira por tres cidades francesas e agora céntranse no eido estatal. Esta semana actúan en Compostela e Pontevedra, o 10 de abril en Cambados e o 23 de maio na Sala Mondo de Vigo onde, segundo Paco Iglesias, “se comprobará se somos ou non profetas na nosa terra”.

Cultura