Paixón no Maniños

Paixón no Maniños
12 de Xullo, 2023 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

Cristina Silvar e Uxía Armenteros. Dúas mulleres apaixonadas do fútbol, que compatibilizan a súa profesión coa práctica deste deporte. Cris e Uxía xogan no equipo feminino do Maniños. Elas e o resto do equipo fixeron unha gran tempada no último ano e están dispostas a repetir éxitos o ano que vén. Falamos en Radio Fene con Cris e Uxía sobre fútbol, os logros do equipo e as súas aspiracións para a tempada 2023-2024

 

ESCOITA O PODCAST:

“Competir e dar o máximo”, obxectivo de Cris Silvar para a nova tempada. “Facer un chamamento a todo o mundo: necesitamos máis patrocinadores, para poder ir aos partidos fóra nun autobús todas xuntas”, engade Uxía. O Concello de Fene homenaxeou nos últimos días ao Maniños feminino cunha recepción oficial polo seu ascenso. “Asistimos a maioría do equipo, dar as grazas ao Concello por este recoñecemento e esperar que nos sigan apoiando”, apunta Cris. “Non pensabamos nin nós que íamos estar aí, é un orgullo, moi agradecidas”, súmase Uxía que é unha das porteiras do equipo. Para ela a tempada “foi moi longa, pero ao final saíron ben as cousas”. Cris, que xoga no medio campo, lembra que ao primeiro “eu non confiaba moito en que saíra o equipo adiante, porque eramos poucas xogadoras e me preocupaba a falta de compromiso da xente nova, pero un 10 para todas”. Perdeu parte da tempada por motivos profesionais e viviu o ascenso na distancia. Recoñece que ás veces non é fácil traballar e xogar ao fútbol, “doado non é compatibilizar, pero non queda outra”. Aínda así, Cris pensa continuar un ano máis no Maniños “mentres poida e mo permita o traballo, outro ano máis teñen que aguantarme”. Os mesmos plans ten Uxía, que vai seguir baixo os paus defendendo a portería do Maniños “díxenlle a meus pais, firmei outro ano máis”.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora