Paixón pola montaña e a cooperación

Paixón pola montaña e a cooperación

02 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Abrir e promocionar unha nova ruta de turismo de montaña, que será bautizada como Ruta XV-Xacobeo Vilcabamba, é o principal obxectivo da expedición 2010 do Misterio de Vilcabamba, na procura da última capital perdida do reino inca, na selva de Perú, e no que participan tres montañeiros de Negreira (A Coruña).

O novo itinerario turístico persegue, á súa vez, a difusión do fenómeno xacobeo en Perú, iniciándose fronte á Igrexa de Santiago, na cidade de Cusco, creada no século XVI como «parroquia de indios». Este foi o primeiro templo dedicado a Santiago en Perú, e nel conviven o culto católico ao apóstolo e o andino a Illapa, o deus do trono e que goberna as tormentas e as choivas.

Este proxecto ten unha vertente deportiva e outra de cooperación. O reto deportivo é a escalada ao nevado Azulcocha, de 5.600 metros, que acometerán catro alpinistas de Negreira e A Coruña. Ademais de conquistar a cima, estudarán rutas para visitar as lagoas azuis que dan nome a este nevado.

O obxectivo principal de cooperación é promover o turismo de tréking, escalada, observación de aves e a pesca en lagoas e ríos de alta montaña, nunha zona que está fóra das rutas turísticas. Responsables turísticos peruanos e diversas oenegués concluíron que o turismo sustentable é a mellor alternativa para mellorar as condicións de vida da poboación en Vilcabamba, por ser un distrito de grandes atractivos naturais e históricos. xa que está próximo a Machu Pichu.

O equipo, dirixido por Santiago do Val Chousa, está integrado polos andinistas Rubén Suárez Carballo, Pablo Fadeville Cajuso, José Ramón Laíño Tome, todos eles de Negreira, e mailo coruñés Jorge Feal, así como a médica amiense Eva Guldrís Nieto, que contarán co apoio dun equipo local de dez homes.

Ademais de trazar a ruta, a expedición galega estudará a localización para un cámping de xestión comunitaria, doarán libros para as escolas e instalarán puntos de luz con enerxía solar en Porcay, unha aldea que carece de subministración.

O proxecto Ruta XV-Xacobeo Vilcabamba está organizado polo Club Deportivo Dacabalo, en colaboración coa oenegué coruñesa Labañou Solidaria; co patrocinio da Dirección Rexional de Turismo do Cusco-Dircertur, o Concello de Vilcabamba; a Fundación Cum Laude de Ourense e a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, así como os Concellos de Negreira e A Baña. Colaboran con diversas achegas as empresas Torre de Núñez, Couselo Raña S.L., Breogan Deportes, Feiraco, Ternúa, Amancio Deportes, Armería Toribio, A Poutada e Gar Sport.

Na capital municipal de Vilcabamba haberá unha festa popular organizada polo Concello de Vilcabamba para a presentación da ruta. Os alpinistas habilitarán un rocódromo e, con varios porcos doados polo Concello, impartirán un curso demostración sobre a técnica tradicional da matanza do porco en Galicia, para a conservación da carne de porco en sal, e iniciación á elaboración de xamón. En Vilcabamba hai porcos, pero non sistemas de conservación.
 

Sociedade