Papel crucial na Academia Galega

Papel crucial na Academia Galega
26 de Abril, 2020 - 09:05 h. | Publicada por Radio Fene

O seu papel foi crucial para a fundación da Academia Galega. Fontenla Leal poñía as ideas e el os cartos. Juan Varela Grande, naceu en Limodre e emigrou a Cuba, onde logrou posuír un dos tostadeiros de café máis boiantes da Habana. Xunto con Xosé Fontenla Leal creou na Habana a Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega. O local da entidade estaba na súa casa na rúa Aguila, 814. Será elixido presidente honorario da citada entidade.

Juan Varela Grande

O seu compromiso co galego lévao a visitar a Real Academia Galega en 1950 con ocasión dunha viaxe a Galicia. Colabora coas xestións para adquirir a casa na que morreu Rosalía de Castro e asiste á misa en honor a autora de Cantares Gallegos se celebra en Santiago de Compostela e que era o único acto de galeguismo permitido na ditadura de Franco. Foi designado fillo predilecto de Fene e nunha entrevista dese ano de 1950 afirma: "( O recordo de Galicia en Cuba mantense) constantemente. Aos nenos se lles ensina a falar galego e cada festividade galega se celebra por todo o grande".
Varela naceu en Limodre en xaneiro de 1875.  Foise a Cuba moi novo (con 16 anos) e inmediatamente obtivo emprego no almacén e tostadeiro de café El Aguila, situado na rúa do mesmo nome. Traballou alí por máis de medio século, chegando a ser dono absoluto do negocio. Foi presidente do Centro Galego da Habana, conselleiro do Banco de Fomento Comercial e da Empresa Naviera e presidente da Compañia Hidro Industrial de Alquizar S.A. Contraeu matrimonio en 1905 coa cubana Teresa Álvarez Marlés, con quen tivo cinco fillos; Rosendo, Juan, Ángel, Dolores e Carmen. Colaborou coas sociedades Fillos de Limodre e Naturais de Fene para a construción das escolas de Limodre, Curros Enriquez de Maniños e Concepción Arenal de Fene. Morreu en Cuba o 3 de maio de 1953.

LOPEZ ISLA, MARIO LUIS. Gallegos en Cuba. Galicia en el mundo. Vigo. 2011
DOMINGO CUADRIELLO, JORGE. El exilio republicano español en Cuba. Siglo XXI. Madrid 2009
VIDAL RODRIGUEZ, JOSE ANTONIO. La emigración gallega a Cuba. Trayectos migratorios, ...CSIC. Madrid 2005

Cultura

Publica o teu comentario agora